Galicia presentou a súa oferta turística 2016 en Cataluña, comunidade da que recibiu preto de 200.000 visitantes en 2015
Turismo da Xunta promoveu o destino Galicia no salón B Travel.
Ao longo dos dous primeiros meses do ano en curso, 15.336 cataláns visitaron a Comunidade galega, un 25,3% máis que nos mesmo período de 2015.
Turismo de Galicia promoveu a oferta turística galega en Cataluña. Esta comunidade, con preto de 200.000 viaxeiros aloxados e 380.306 pernoitas nos nosos hoteis, situouse como un dos mercados emisores máis importantes para Galicia durante 2015.
Polo que respecta a 2016, a demanda turística catalá tamén se está a comportar como unha das máis activas para Galicia. Nos dous primeiros meses do ano aloxáronse nos hoteis galegos 15.336 cataláns, un 25,3% máis que no mesmo período de 2015.
Para incentivar aínda máis este fluxo de viaxeiros de Cataluña, Turismo de Galicia participou cun recinto de promoción propio na II edición do Salón B-Travel, herdeiro do Salón Internacional de Turismo de Cataluña (SITC) que se celebrou durante 23 anos no recinto da Fira de Barcelona.
Presenza galega
O recinto galego contou con 106 metros cadrados de exposición, como difusor da oferta xeral da nosa comunidade, no que salientaron como reclamo as experiencias turísticas de Galicia, xurdidas dos produtos cabeceira da marca Galicia.
Polo demais, o mostrador para a promoción do turismo galego na B Travel 2016 contou con elementos gráficos relacionados co Camiño de Santiago e outros referidos aos valores naturais e culturais de Galicia.
Neste certame, o organismo autonómico de promoción turística tivo moi presente a promoción da Ruta Xacobea entre os cataláns, así como os produtos turísticos relacionados coa costa e o interior de Galicia, así como a enogastronomía.
O Salón B Travel é unha das plataformas turísticas máis importantes da oferta e os servizos turísticos no ámbito nacional e un importante reforzo para a promoción do turismo galego en Cataluña.