18 abr 2016

A Escola de Turismo Itinerante pon en marcha un programa de formación específico para o Camiño de Santiago

O obxectivo é mellorar o nivel de profesionalización do sector a través de cursos e xornadas enfocados á atención ao peregrino e a súa experiencia en Galicia.


O programa inclúe un total de 25 xornadas de formación no Camiño Francés e no Camiño Fisterra-Muxía.


As xornadas xa se celebraron en Sarria e Melide cunha elevada participación e este próximo martes celebraranse na cidade de Santiago.

A Escola de Turismo Itinerante do Centro Superior de Hostalería de Galicia está a desenvolver nestes días o programa de formación no Camiño de Santiago co obxectivo de fomentar a accesibilidade á formación a todas as empresas ofrecendo unha formación a medida adaptada á realidade de cada negocio e o seu entorno.

Este programa específico para os establecementos do Camiño de Santiago ten por obxectivo mellorar o nivel de profesionalización do sector a través de cursos e xornadas enfocados á atención ao peregrino e a súa experiencia en Galicia.

Deste xeito, o programa repercutirá directamente na imaxe do sector e na calidade do destino Galicia, en xeral, e do Camiño de Santiago, en particular, o produto estrela de Galicia e a carta de presentación da nosa comunidade a nivel internacional. O programa inclúe un total de 25 xornadas de formación no Camiño Francés e no Camiño Fisterra-Muxía.

A Escola de Turismo Itinerante celebrou xa estes cursos formativos en Sarria e Melide, onde xeraron unha grande expectación ao contar con máis de trinta participantes. Este martes, 19 de abril, terán lugar as xornadas na cidade de Santiago, que xa suman máis de trinta inscritos. Nas xornadas trabállase cos albergues públicos e privados e aloxamentos do Camiño, así como con restaurantes para mellorar a atención, información e servizo ao peregrino, a xestión do departamento de recepción, o impulso ás novas tecnoloxías e a posta en valor do Menú do Peregrino no Camiño.

O obxectivo é mellorar o servizo e a calidade na acollida aos peregrinos nos aloxamentos turísticos, incrementar o posicionamento na rede e dar a coñecer a plataforma Smart Camiño así como fomentar o produto autóctono.

Por outra parte, Turismo de Galicia levará a cabo dous programas “Anfitrións de Turismo: Cultura do Detalle” no Camiño Primitivo e no Camiño do Norte. Estes programas estarán destinados a persoal en contacto co cliente do Camiño do Norte e a propietarios e mandos intermedios do Camiño Primitivo.

Arriba