25 abr 2016

A exposición fotográfica ‘Galicia, imaxes da vella europa’ promove os recursos turísticos galegos en Arxentina

A mostra, que conta con 51 fotografías de gran formato, permanecerá aberta ata o 16 de maio na cidade de Mar del Plata.


Esta mostra, que xa se exhibiu en varias cidades europeas, visitou tamén a cidade arxentina de Córdoba e o mes de xuño abrirase en Rosario.

Inauguración da exposición de Turismo de Galicia en Mar del Plata.

O centro cultural Victoria Ocampo da cidade arxentina de Mar del Plata acolle ata o vindeiro día 16 de maio a exposición fotográfica Galicia, imaxes da vella Europa, a través da cal se promoven os recursos turísticos da Comunidade galega, centrados na natureza e a cultura.

Trátase dunha exposición que conta con 51 fotografías de gran formato do fotógrafo Adolfo Enríquez nas que se mostran paisaxes, costumes e a arquitectura da comunidade galega, desde os prehistóricos castros, pasando polas edificacións románicas e barrocas, ata chegar aos proxectos construtivos máis contemporáneos.

Ademais a mostra inclúe unha ampla selección de fotografías relacionadas co Camiño de Santiago, a través das súas paisaxes, edificacións e peregrinos das distintas rutas.

Para a difusión deste evento na cidade arxentina editáronse folletos que distribuíronse en distintos lugares senlleiros de Mar del Plata e pósters que se colocaron en oficinas de Turismo e lugares públicos con gran presenza de público.

Córdoba e Rosario
Esta exposición fotográfica xa se puido ver en distintas cidades europeas e na arxentina de Córdoba entre os meses de marzo e abril.

Así mesmo, para rematar esta promoción en Arxentina, está prevista a visita desta mostra á cidade de Rosario a partir do día 13 de xuño.

O autor
Adolfo Enríquez -Porto do Son, 1965- comezou a facer fotos aos 14 anos, por casualidade cando o seu pai trouxo a casa unha Yashica Electro 35 que atopara abandonada.

Desde aquela, a fotografía foi unha constante nunha súa vida, ata converterse nun nomeado profesional que mostra unha gran paixón polos escenarios naturais de Galicia. Unha paixón plasmada en guías e revistas de viaxes, exposicións por toda España e nos libros Cara a Santiago e Sinte Galicia.

Arriba