Nava Castro presenta o primeiro foro gastronómico do Centro Superior de Hostalería de Galicia, o Gastrofórum 2016
A directora de Turismo aposta por iniciativas deste tipo para poñer en valor a calidade dos produtos e dos profesionais galegos.
O encontro dará cita a importantes profesionais do sector os días 9 e 10 de maio en Santiago de Compostela.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou o Primeiro Foro Gastronómico do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), o Gastrofórum 2016, que se celebrará o vindeiro mes de maio.
Nava Castro subliñou a importancia desta primeira edición lembrando que a gastronomía é un importante reclamo turístico para Galicia xa que é o segundo motivo polo que os turistas escollen a nosa Comunidade, despois dos recursos naturais.
A directora explicou que, en Galicia, a importancia do turismo gastronómico queda patente nos máis de 5.300 restaurantes -moitos deles con importantes galardóns de carácter nacional e internacional: 59 son Q de Calidade Turística, 13 contan con Estrelas Michelin e 26 restaurantes suman 37 Soles Repsol- e nas máis de 300 festas gastronómicas -52 delas de interese turístico nacional ou galego-.
Neste sentido, Nava Castro enfatizou a importancia de “apostar pola profesionalización e formación do sector” e desenvolver iniciativas, como o Gastrofórum, que “impulsen o intercambio de experiencias e poñan en valor a calidade dos nosos profesionais, sen esquecer a calidade dos nosos produtos”.
Así mesmo, a directora manifestou o seu desexo de que esta primeira edición sirva de foro de debate sobre “unha cociña que pode ser moderna e innovadora, pero que tamén respecta os pousos da tradición”. Nesta liña, explicou que a actividade será de gran valor para que os alumnos do Centro aprendan da experiencia que os grandes profesionais lle poden achegar. Ao mesmo tempo, o foro será importante para o propio sector xa que se poñerán en común as súas preocupacións, así coma as novas técnicas e os novos modelos de restauración.
Programa do Gastrofórum
O Gastrofórum terá lugar o 9 e o 10 de maio nas instalacións do CSHG, en Santiago de Compostela. Nel participarán prestixiosos cociñeiros e profesionais da hostalería e da restauración de Galicia como Pepe Solla, Sacha, Marcelo Tejedor, Héctor López, Javier Olleros, Caco, Luis Vieira ou o Chef Rivera, entre outros.
Celebraranse tertulias de debate sobre a nosa gastronomía e os seus produtos, a fusión, a tradición e os novos modelos de restauración. Neste marco, realizaranse catas de viños galegos, augardentes e licores, así coma degustacións doutros produtos da terra coma queixos ou aceite. Este evento gastronómico tamén incluirá a celebración de talleres de cociña a cargo de grandes profesionais galegos.
Formación no CSHG
O CSHG ofrece unha formación integral ao combinar o ensino teórico coa parte práctica, o que contribúe a incrementar a formación dos seus alumnos, que tamén aprenden como funcionan as diferentes engrenaxes das empresas hostalerías para estar completamente preparados para embarcarse con profesionalidade no actual mercado laboral.
Esta calidade na formación adquirida é un importante reclamo para as grandes cadeas hostaleiras internacionais, que amosan gran interese por contratar alumnos do Centro e os sitúan, incluso, en postos de responsabilidade. Este ano xa se interesaron nos alumnos do Centro máis de 20 cadeas colaboradoras e anualmente xestiónanse ao redor de 400 prácticas, á parte das que se fan internamente nas aulas do Centro.
Por este motivo, os titulados do CSHG contan cun elevado índice de empregabilidade e numerosas saídas profesionais, segundo explicou a directora.