A Mesa do Camiño Portugués acorda establecer un reglamento do seu funcionamento para incrementar a súa eficacia
O obxectivo de establecer este regulamento de funcionamento interno é mellorar e impulsar os traballos desta entidade de colaboración dado o incremento de peregrinos que está a rexistrar.
Por outra parte, tamén se considerou necesario incorporar a esta mesa do Camiño Portugués aos concellos da súa variante pola costa, recoñecida oficialmente pola nova Lei de Patrimonio Cultural.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na Mesa de Traballo do Camiño Portugués que integra aos doce concellos polos que pasa esta Ruta Xacobea na provincia de Pontevedra, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Asociacións de Amigos do Camiño.
Durante o encontro acordouse impulsar un marco regulamentario para o funcionamento da Mesa para facela, así, máis operativa e incrementar a súa eficacia.
O obxectivo de establecer este regulamento de funcionamento interno é mellorar e impulsar, así, os traballos desta entidade de colaboración.
Neste senso, tanto Turismo de Galicia como a Deputación de Pontevedra comprometéronse a traballar conxuntamente para ter, no menor espazo de tempo posible, este regulamento para remitir aos doce concellos e que aporten as súas opinións.
A necesidade de que esta entidade colaborativa teña o seu propio regulamento ven dado polo incremento que está a rexistrar o Camiño Portugués entre os peregrinos que chegan a Santiago de Compostela. O pasado ano, dos 262.515 peregrinos que chegaron a Galicia, 43.151 empregaron o Camiño Portugués, o que supón o 16,44% do total de peregrinos que recolleron a Compostela. No que se refire a este ano 2016, esta ruta consolidouse como a segunda con maior afluencia de peregrinos ao rexistrar no que vai de ano máis do 20% do total.
Por outra parte, na reunión celebrada no día de hoxe tamén considerouse necesario incorporar a esta mesa do Camiño Portugués aos concellos da súa variante pola costa, recoñecida oficialmente onte coa aprobación por parte do Parlamento da nova Lei de Patrimonio Cultural.
Así mesmo, durante o encontro a responsable de Turismo da Xunta sinalou que a administración turística galega incrementou as actuacións realizadas para a mellor conservación e mantemento da ruta. Entre outras actuacións, Nava Castro fixo referencia a iniciativas como o decreto de sinalización, o programa Cultura no Camiño 2016, a nova web www.caminodesantiago.gal ou a dotación da rede wifi gratuíta nos albergues públicos do Camiño.
A directora de Turismo de Galicia propuxo ademais iniciar unha liña de colaboración coa Escuela Itinerante de Turismo para a formación de persoal dos establecementos do Camiño Portugués. Neste senso, destacou o programa de "Profesionalización no Camiño" que ten como obxectivo mellorar o nivel de profesionalización do sector a través de cursos e xornadas enfocados á atención ao peregrino e a súa experiencia en Galicia.