06 xuñ 2016

Turismo de Galicia e Viaqua asinan un convenio de colaboración para a posta en marcha da exposición itinerante ‘Via Iacobitana’

A mostra recolle fotografías sobre o Camiño de Santiago e percorrerá as cidades de Compostela, Pontevedra, Ribadeo, Fene, Pontedeume, Valdoviño e Ourense

A través dela, fotógrafos galegos que se converteron en peregrinos plasman a súa visión particular e as sensacións que lles suxire a Ruta Xacobea

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director de Viaqua, Julio Masid Bande, asinaron un convenio de colaboración para a posta en marcha da exposición itinerante “Via Iacobitana”, unha colección de fotografías sobre o Camiño de Santiago. No acto tamén estivo presente o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez.

Grazas ao acordo asinado, a mostra percorrerá diversas cidades de Galicia, concretamente Santiago de Compostela, Pontevedra, Ribadeo, Fene, Pontedeume, Valdoviño e Ourense para amosar o Camiño desde unha perspectiva artística contemporánea.

A exposición recolle traballos de fotógrafos galegos que se converteron en peregrinos para plasmar a súa visión particular e as sensacións que lles suxire a Ruta Xacobea.

A través destas imaxes, contemplaranse diversos itinerarios en diferentes épocas do ano, as súas variadas paisaxes, os romeiros, os veciños e o patrimonio cultural que atesouran desde a óptica persoal do autor, que lle imprime personalidade.

Todo este traballo permite aumentar o legado iconográfico xacobeo existente e tamén perpetuar no tempo os instantes da Ruta e as vivencias dos que a realizan, así como poñer en valor o labor de grandes profesionais galegos.

O convenio constitúe unha mostra máis da firme aposta de Turismo de Galicia pola colaboración público-privada para lograr así un marco eficiente e xerador de oportunidades.

Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia
Esta actividade enmárcase na celebración do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, que se iniciou o 8 de decembro de 2015 e se estenderá ata o 20 de novembro de 2016. Este evento supón un fito histórico para o Camiño de Santiago e para a Comunidade galega xa que, por primeira vez, se abriu a Porta Santa da Catedral sen coincidir con Ano Santo.

Por este motivo, desde Turismo de Galicia púxose en marcha unha programación especial que inclúe todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación, así como iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante. Durante este período, Galicia ofrecerá diversos congresos e conferencias, ademais de programas culturais e concertos.

Así mesmo, tamén se levarán a cabo importantes iniciativas relacionadas coa conservación do patrimonio e actuacións orientadas a mellorar a acollida dos peregrinos, algunhas delas xa postas en marcha como o Plan de Actuación do Monte do Gozo, a rehabilitación da Casa de Pasarín na Fonsagrada como albergue de peregrinos ou o novo albergue da cidade de Ourense.

Arriba