A Xunta difunde o turismo de negocios galego entre os principias operadores de San Petersburgo e Moscova
Turismo de Galicia participou no workshop Dolce Vita que reunirá os principais operadores rusos especializados neste segmento
Ao longo deste ano, esta modalidade turística promoverase en 11 reunións profesionais de ámbito nacional e internacional
As cidades rusas de San Petersburgo e Moscova acolleron a reunión profesional Dolce Vita, na que participaron os principais operadores e destinos relacionados co turismo de negocios e no que Turismo de Galicia promoveu a oferta galega relacionada con este segmento entre os principais operadores especializados de Rusia.
Neste certame, o departamento de Turismo da Xunta contou cunha axenda de contactos que incluíu a organizadores de xuntanzas profesionais, axencias, institucións e empresas de transporte de Rusia orientadas á organización de viaxes profesionais, congresos e outro tipo de reunións.
Así, Turismo de Galicia presentou as capacidades da Comunidade galega para a acoller este tipo de viaxes, tendo en conta as infraestruturas como pazos de congresos, aloxamento e comunicacións.
Ademais, nestas xuntanzas promoveuse a oferta turística galega xeral, e a gastronomía, a cultura e o Camiño de Santiago en particular, como elementos diferenciadores para os operadores rusos.
Plan de promoción
Neste eido, ao longo deste ano, Turismo de Galicia estará presente en 11 acontecementos relacionados coa promoción do turismo de negocios que se desenvolverán en distintos lugares de Europa, de xeito que esta modalidade turística estará presente en todos os mercados especializados, tanto nacionais como internacionais.
O turismo de negocios en Galicia experimentou un notable desenvolvemento durante os últimos anos, debido, en parte, ao incremento e mellora da infraestruturas precisas para a organización de congresos, convencións e viaxes de incentivo.
O incremento das prazas hoteleiras, a creación de pazos de congresos, a apertura de instalacións especiais para celebrar eventos e a aparición de empresas especializadas, son os factores máis salientables dentro do desenvolvemento desta modalidade turística en Galicia.