A gastronomía galega representou á cociña española en Italia, Irlanda e Chile con motivo do ‘Día Mundial da Tapa’
As capitais destes países acolleron actividades de difusión dos valores gastronómicos galegos coa participación dos cociñeiros Luís Veira e Antonio Botana que representarán á cociña española en Roma e Santiago de Chile
Turismo de Galicia participou tamén no acontecemento Taste of Dublín no que o público final puido degustar distintos produtos da cociña galega
As cidades de Roma, Santiago de Chile e Dublín acolleron acontecementos destinados a promover a gastronomía de Galicia, que representa á cociña española no ámbito internacional, con motivo da celebración do ‘Día mundial da tapa’, organizados por Turismo de Galicia en colaboración con Turespaña.
A Real Academia de España na capital italiana foi o escenario dunha velada na que participaron 250 persoas entre xornalistas especializados, críticos gastronómicos, profesionais do turismo, diplomáticos e autoridades de Italia e na que a cociña galega foi a protagonista da gastronomía española na celebración do ‘Día mundial da tapa’.
En Roma, o chef Luís Veira, do restaurante coruñés distinguido con estrela Michelin Árbore da Veira, ofreceu varias tapas vinculadas aos produtos gastronómicos galegos máis característicos, logo de comentar cos asistentes os ingredientes utilizados e a súa preparación.
Promoción en Chile
Por outra parte, Santiago de Chile acolleu as actividades de promoción da gastronomía galega con motivo do ‘Día mundial da tapa’.
Como en Roma, a gastronomía galega representou a España neste acontecemento que comezou na Embaixada española cun acto de presentación no que participou Turismo de Galicia e o cociñeiro Francisco Botana, do restaurante Pandemonium, de Cambados.
Ao longo de catro días, Francisco Botana tamén ofreceu unha conferencia a estudantes de Cociña da Universidade Chile Duoc UC e participou en demostracións relacionadas coa gastronomía galega.
Taste of Dublín
Por último, dentro da celebración do ‘Día mundial da tapa’ no que a gastronomía galega ten un protagonismo especial, a capital irlandesa acolleu o acontecemento ‘Taste of Dublin’ que situou en primeiro plano a nosa cociña nesta cidade.
Así, nesta promoción participaron máis de 35.000 persoas, e na que Turismo de Galicia dispuxo un recinto no que se poden degustar produtos gastronómicos galegos e viños das denominacións de orixe protexidas galegas.