18 xul 2016

Membros do Parlamento Europeo realizan un treito da Ruta Xacobea entre Caldas de Reis e Padrón

Este en Galicia con motivo da súa participación nas xornadas “Os Camiños de Santiago: visións dende Europa”

 

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e membros do Parlamento Europeo que estiveron en Galicia con motivo das xornadas “Os Camiños de Santiago: visións dende Europa” realizaron un treito da Ruta Xacobea entre Caldas de Reis e Padrón. Ademais de España, estes parlamentarios proceden de diversos países como Portugal, Italia, Alemaña, Croacia, Irlanda ou Lituania.

Os participantes saíron dende Caldas de Reis ás 10,30 horas co obxectivo de chegar a Padrón ás 16,00 horas, previa pausa para comer no albergue de peregrinos de Valga en torno ás 13,00 horas. Unha vez rematada a andaina, pola tarde realizaron unha visita guiada aos principais monumentos da cidade rosaliana.

Os membros do Parlamento europeo foron recibidos  o día anterior no Hostal dos Reis Católicos polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro. Nas conferencias destas xornadas, celebradas onte, ademais dos membros do Parlamento europeo tamén participaron outras autoridades de organismos e entidades internacionais relacionadas coa Ruta Xacobea para abordar a súa compoñente cultural, social, histórica e de valores dende unha perspectiva europea.

 

Arriba