18 xul 2016

A Xunta e a Real Academia de Gastronomía Española presentan o libro ‘Alta Cociña Galega’

No acto participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente da Real Academia de Gastronomía Española, Rafael Ansón

A publicación aborda as materias primas e produtos máis representativos da Comunidade, comidas tradicionais, un capítulo sobre o viño da terra e as receitas propostas por 14 grandes cociñeiros

Galicia dispón 5.300 restaurantes con máis de 365.000 prazas, dos cales 59 son Q de Calidade Turística, 13 son Estrella Michelin e 26 teñen 37 Soles Repsol
 

A Xunta de Galicia e a Real Academia de Gastronomía Española presentaron o libro Alta cociña galega. No acto participou a conselleira do Mar, Rosa Quintana, xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o presidente da Real Academia de Gastronomía Española, Rafael Ansón, e o chef Luis Veira, en representación dos profesionais que traballaron na publicación. Tamén asistiu o vicepresidente do Grupo NOVE.

A conselleira do Mar definiu este libro como “un embaixador de excepción dos produtos galegos” e aplaudiu a iniciativa de publicacións coma esta “que coidan e divulgan o coñecemento dos produtos e a súa preparación”.

Por outra banda, a directora de Turismo afirmou que o libro Alta cociña galega será “unha excelente carta de presentación” que amosará a grande oferta culinaria da Comunidade. Así mesmo, Nava Castro expuxo que a gastronomía galega conta cun alto recoñecemento a nivel internacional pola calidade da súa materia prima, a profesionalidade dos seus cociñeiros e a variedade de festas gastronómicas nas que se realizan exaltacións culinarias.

Contidos do libro

O libro, coa colaboración de Turismo de Galicia, recolle os estudos efectuados pola Real Academia de Gastronomía Española para promover a oferta culinaria galega e aborda a variedade das súas principais materias primas, da terra e do mar, dende as ostras de Arcade ata o capón de Vilalba e tamén os produtos elaborados máis representativos como o pan de Cea, o queixo de tetilla ou a bica mantecada tan típica de Ourense.

Así mesmo, nas páxinas desta publicación atopamos receitas de alta cociña propostas por 14 grandes da cociña galega como son Pepe Solla, Xosé Cannas, Javier Olleros, Alberto González, Lucía Freitas, Nacho Tierno, Manuel Costiña, Beatriz Sotelo, Xoán Crujeiras, Luis Veira, Iván Domínguez, Héctor López, Julio Sotomayor e Daniel Guzmán.

Ademais destas propostas de autor, tamén se recollen once receitas tradicionais galegas: cocido, caldo, empanada de berberechos, lacón con grelos, mexillóns en escabeche, polbo á feira, vieiras, lamprea, filloas, tarta de Santiago e queimada.

O último capítulo versa sobre o viño galego, explicando as variedades existentes e produtos destacados, así como a traxectoria de recoñecidos expertos na materia como Emilio Rodríguez, Cristina Mantilla, José Hidalgo Togores, Rafael Palacios, Ana Quintela, Álvaro Bueno Elexpuru, Luciano Amoedo Rodiño, María Luísa Freire, Isabel Salgado de Andrea, Jorge Hervella e José Enrique Pérez Fernández. Inclúese tamén un conxunto de anexos no que o lector ten un listado con datos de acceso de consellos reguladores, industrias agroalimentarias e bodegas da Comunidade e outros datos de interese. O libro pode descargarse dende a páxina web de Turismo de Galicia, concretamente neste enlace.

En definitiva, a publicación pretende reflectir a esencia de Galicia en canto á gastronomía: a calidade, tanto para atender a un consumidor máis esixente como para adaptarse aos novos modos de produción e melloras tecnolóxicas, así como para actuar de elemento diferenciador da oferta nun mundo globalizado.

Materia prima de calidade

A conselleira do Mar aproveitou a ocasión para facer fincapé na importancia de garantir a seguridade dos produtos do mar galegos ademais da súa calidade. Para iso, engadiu, Galicia conta co Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), un centro que “por medio das análises máis estritas controla diariamente a calidade das augas e a súa incidencia nos moluscos e crustáceos garantindo deste xeito que o marisco galego, adquirido polos cauces regulamentarios, ofrece todas as garantías para o consumidor”, explicou.

A maiores, lembrou que Galicia produce o 97% do mexillón español e que é a principal produtora mundial de rodaballo e a segunda de España de troita. Estas cifras, subliñou, dan unha idea da importancia da comunidade autónoma galega no eido dos produtos do mar. Por último, agradeceu o labor da Axencia Galega de Turismo, da Real Academia de Gastronomía e dos cociñeiros que participaron no libro que hoxe se presenta.

Nesta liña, en canto á calidade da materia prima, a directora de Turismo enxalzou que son numerosos os produtos galegos que contan con algún tipo de distintivo europeo que certifica a súa excelencia. Así, puxo como exemplo as cinco denominacións de orixe vitivinícolas recoñecidas e os seus consellos reguladores –Ribeira Sacra, Monterrei, Rías Baixas, O Ribeiro e Valdeorras- e expuxo que a Comunidade conta co mellor do mar e da terra.

Ademais, a directora explicou que para degustar esta variedade, o visitante dispón de 5.300 restaurantes con máis de 365.000 prazas, dos cales 59 son Q de Calidade Turística, 13 son Estrella Michelin e 26 contan con 37 Soles Repsol, o que é unha garantía do seu servizo. Así mesmo, Galicia tamén ofrece máis de 300 festas enogastronómicas ao longo de todo o ano, 52 declaradas de interese turístico, que son un importante reclamo para degustar o produto.

Arriba