18 nov 2016

Axentes de viaxes de Brasil e Portugal visitan Galicia para coñecer a súa oferta turística

Turismo de Galicia colabora nesta viaxe do operador lusófono Schult co obxecto de incluír a Comunidade galega no produto ‘Small groups’

O departamento de Turismo da Xunta tamén participa estes días nun encontro con profesionais do turismo ruso en San Pertersburgo
 

Un grupo formado por 60 axentes de viaxes procedentes de Brasil e Portugal realizaron unha viaxe de familiarización co destino Galicia ao obxecto de coñecer a oferta turística galega e incorporala aos seus programas de viaxes organizadas para o mercado lusófono.

Trátase de profesionais adheridos ao operador Shult, que buscan novos destinos para o seu produto ‘Small groups’, dedicado ás cidades, á gastronomía, á natureza e á cultura.

Durante a súa estadía en Galicia visitaron Santiago de Compostela e vilas costeiras e do interior da Comunidade galega que figurarán neste novo produto.

Cabe salientar que Portugal é o principal mercado estranxeiro da nosa comunidade e que ao longo dos nove primeiros meses de 2016, superouse nun 17,5% a cifra de viaxeiros portugueses aloxados en Galicia e nun 14,3% o número de pernoitas en hoteis, en relación ao mesmo período do ano 2015.


Operadores rusos


Por outra parte,  Turismo de Galicia participou en dúas accións de promoción internacional do turismo galego, neste caso na cidade rusa de San Petersburgo.

Nesta ocasión, o departamento de Turismo da Xunta desenvolveu un curso de capacitación do destino Galicia destinado aos operadores turísticos máis importantes da área de San Petersburgo, a través do que se lles informou dos recursos, produtos e servizos turísticos de Galicia así como das posibilidades que ofrece a Comunidade galega para acoller viaxes organizados desde Rusia.

Ademais, Turismo de Galicia, aproveitando a súa presenza nesta cidade rusa, ofreceu unha charla sobre a Comunidade galega e o seus atractivos turísticos a estudantes de español asociados ao Instituto Cervantes con sede en Moscova.

Arriba