Nava Castro destaca que o orzamento do departamento que dirixe medra un 5,4% ata superar os 46 millóns de euros para o 2017 Escoitar
Este incremento céntrase principalmente nos fondos destinados ao Camiño de Santiago e na mellora dos recursos turísticos das entidades locais
A partida destinada á conservación e mantemento do Camiño de Santiago, dotada cun total de dous millóns de euros, medra un 33%
Unha das novidades para o 2017 é a creación dos Premios Galicia Parabéns que distinguirán as iniciativas públicas destinadas a conservar, mellorar e embelecer as paisaxes, os núcleos poboacionais e os camiños de Santiago de Galicia
Así mesmo, recóllense importantes novos proxectos como Miradoiros de Galicia e Rutas e Sendas de Galicia, nos que se intervirá na adecuación do espazo de Estaca de Bares e no acondicionamento e sinalización da Ruta do Ulla e da Ruta da Lamprea
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou no Parlamento de Gañocoa que o orzamento do departamento que dirixe, que medra un 5,4% ata superar os 46 millóns de euros, artellará un turismo baseado na calidade, na excelencia e na innovación, elementos que permitirán, segundo afirmou, a internacionalización e a diferenciación do destino Galicia.
Nava Castro resaltou que este incremento está centrado especialmente nos fondos destinados á conservación e mantemento do Camiño de Santiago, partida dotada cun total de dous millóns de euros, e na execución de investimentos para a mellora dos recursos turísticos das entidades locais.
Así mesmo, destacou que estes orzamentos recollen por primeira vez novos proxectos que se poñerán en marcha no próximo ano entre os que sinalou os Premios Parabéns de Galicia, destinado a impulsar actuacións de embelecemento da paisaxe galega, e a Rede de Miradoiros de Galicia e Rutas e Sendas de Galicia nos que se intervirá na adecuación do espazo de Estaca de Bares e no acondicionamento e sinalización da Ruta do Ulla e da Ruta da Lamprea.
Así, a directora de Turismo de Galicia sinalou que orzamento de Turismo de Galicia para o vindeiro ano se investirá na mellora das infraestruturas turísticas e bens de interese público, a creación de novos produtos e rutas, así como o impulso da promoción e difusión do turismo, do Camiño de Santiago e do Centro Superior de Hostalería de Galicia.
Aposta polo Camiño de Santiago
No ámbito do Camiño de Santiago, Nava Castro sinalou que se reforzará a aposta da Xunta por mellorar as infraestruturas turísticas relativas ás rutas xacobeas coa finalización do albergue no centro da cidade de Ourense, a apertura dun novo albergue na Cabana-Friol, o equipamento do albergue da Fonsagrada e a dotación de albergue de peregrinos a Ordes coa rehabilitación da Casa Reitoral de Poulo.
Por outra parte, mellorarase a Rede Pública con intervencións en diversos albergues de máis de vinte anos do Camiño Francés .
Ao tempo, segundo explicou, realizarase no 2017 un importante esforzo para a mellora e sinalización do Camiño Inglés e da Ruta Fisterra -Muxía tal e como reflicte o Plan director do Camiño de Santiago, que prioriza este ano as actuacións destas dúas rutas.
Así mesmo, neste eido destacou o Plan de actuación do Monte do Gozo que recolle para o 2017 importantes actuacións.
Ademais, Nava Castro afirmou que está prevista a edición de guías dos recentemente oficializados Camiño Inverno e Portugués pola Costa, o desenvolvemento dunha programación de actividades para a celebración do 30º aniversario da Declaración de Santiago de Compostela como Itinerario Cultural Europeo así como a posta en marcha da Tarxeta Peregrino.
Premios Galicia Parabéns
Por outra parte, a directora de Turismo de Galicia destacou a partida que acada os 1,5 millóns de euros destinada ás axudas para a promoción do turismo mediante o apoio ás universidades, ós concellos, ás entidades de profesionais do sector.
Neste eido, destacou os novos Premios Galicia Parabéns que nacen co obxecto de distinguir as iniciativas públicas destinadas a conservar, mellorar e embelecer as paisaxes, os núcleos poboacionais e os Camiños de Santiago de Galicia.
Deste xeito, búscase con eles, segundo explicou Nava Castro, avanzar na mellora da paisaxe da nosa Comunidade.
Neste ámbito, fixo ademais referencia ao apoio ás entidades locais para a mellora dos seus recursos turísticos. Así, segundo sinalou, continuarase coa aposta pola sinalización e acceso dos recursos turísticos, a través das axudas Feader destinadas a concellos; polas festas de interese turístico, a través dos convenios con entidades locais; e polos xeodestinos, mediante convenios de colaboración cos catorce existentes.
Importantes proxectos de infraestruturas turísticas
Outro dos eixos que vertebran os orzamentos de Turismo de Galicia para o 2017, é a mellora das infraestruturas turísticas.
Neste ámbito, Nava Castro explicou que se recollen por primeira vez dous proxectos específicos, Miradoiros de Galicia e Rutas e Sendas de Galicia, nos que se intervirá na adecuación do espazo de Estaca de Bares e no acondicionamento e sinalización da Ruta do Ulla e da Ruta da lamprea.
Ademais, resaltou outros investimentos como a instalación dun pantalán na Ribeira Sacra, entre outras actuacións.
Promoción do destino Galicia
Respecto ás accións de promoción do destino de Galicia, a directora fixo referencia á posta en marcha dunha importante campaña de medios nacionais e internacionais, a presenza en doce feiras de turismo nacionais e 24 internacionais así como a edición de material promocional.
Ao tempo, segundo explicou, incidirase nas viaxes de familiarización para operadores turísticos e nas viaxes para a prensa especializada, así como na organización e fomento de xornadas e eventos que xeren fluxos turísticos como o Outono Gastronómico, De tapas por Galicia ou o fomento do Entroido en Galicia.
Así mesmo, continuarase, por unha parte, co desenvolvemento e promoción dos produtos turísticos xa consolidados con inciativas como a posta en marcha do Comité da Ruta da Camelia, a incorporación do Centro BTT Costa da Morte e o impulso dos Trens Turísticos e, por outra, coa creación de novos produtos como a Rede de Miradoiros de Galicia ou a sinalización da Rede Eurovélo para o impulso do cicloturismo, entre outros.
Centro Superior de Hostalería de Galicia
En relación ao Centro Superior de Hostalería de Galicia, a directora de Turismo de Galicia afirmou que os obxectivos estratéxicos para o 2017 serán a súa dixitalización e internacionalización, a formación continua e os idiomas.
Nesta liña, destacou actuacións como a implantación da Plataforma e-learning, a dobre titulación de Diploma Superior de Xestión Hoteleira no marco formativo europeo, un programa de colaboración con IESIDE que se impartirá en tres países -España, China e Chile-, o Programa Executive en Xestión Hoteleira dirixido aos profesionais do sector hoteleiro en activo, a preparación de novos módulos formativos altamente demandados así como a colaboración con Cambridge que inclúa a celebración dos exames de First-Advanced no CSHG e a impartición de cursos de nivelación para os alumnos do centro para obter esta certificación, entre outras iniciativas.
Termalismo e turismo de saúde
Outra actuación destacada por Nava Castro para o 2017 foi o Plan de turismo de saúde e termal de Galicia, que será finalizado a principios do próximo ano.
Segundo explicou, este plan propón unha estratexia de posicionamento dos recursos que posúe Galicia para a súa maior rendibilidade neste sector turístico. Así, o plan está orientado ao turismo de benestar e aos coidados posteriores aos tratamentos estritamente médicos e centrados no período de recuperación posterior vinculados a centros balnearios ou de talasoterapia nos que se ofreza a pacientes e acompañantes o tratamento de benestar adecuado á súa situación, incluíndo os recursos máis destacados de Galicia como as augas minero-medicinais, a gastronomía, a paisaxe e as posibilidades de descanso, tranquilidade e acollemento.