Turismo de Galicia organizou 30 viaxes de familiarización para dar a coñecer a comunidade a axentes de viaxes e xornalistas
Trátase dun xeito de promover o destino que se basea no coñecemento ‘in situ’ da oferta e os servizos
Os participantes nestas accións de promoción pertencían a 15 nacionalidades distintas
O pasado ano, 19 destas viaxes foron para xornalistas e 11 para operadores turísticos
Organizadas por Turismo de Galicia, o ano pasado tiveron lugar na Comunidade galega 30 viaxes de familiarización turística, un xeito de promover o destino que se basea no coñecemento ‘in situ’ da oferta e os servizos por parte de operadores turísticos e xornalistas.
Estas viaxes teñen, por un lado, unha grande importancia para os axentes de viaxes, porque poden prescribir o destino cun mellor coñecemento, e, por outro, un gran valor publicitario para o territorio receptor cando os seus atractivos e recursos turísticos son difundidos mediante reportaxes e informacións variadas nos medios de comunicación.
Canto ao número de viaxes, un total de 11 foron viaxes nas que participaron operadores turísticos e 19 press trips, viaxes para xornalistas.
Orixe dos participantes
Con respecto á orixe dos participantes nas viaxes de familiarización organizadas por Turismo de Galicia no pasado ano 2016, estes procedían maioritariamente do mercado internacional, 27 viaxes, e tres viaxes do mercado nacional.
Ademais de España, con tres accións de promoción para xornalistas, Turismo de Galicia organizou en 2016 viaxes de familiarización nos que participaron xornalistas e operadores turísticos doutras 14 nacionalidades.
Deste xeito, dentro do programa de familiarización co destino Galicia, en 2016 organizouse unha viaxe para xornalistas rusos, outra para profesionais da comunicación italianos, unha para medios canadenses, cinco para o mercado inglés, tres para medios de comunicación alemáns, dous para franceses, unha para belgas, unha para irlandeses, unha para xaponeses e unha para suecos.
No ámbito dos operadores turísticos, organizáronse dúas viaxes para operadores ingleses, dúas para xaponeses, unha para suízos, dúas para alemáns, unha para rusos, unha para norteamericanos, unha para brasileños, e outra para indonesios.