Nava Castro destaca a potencialidade de Galicia a nivel internacional como destino gastronómico
Resalta a importancia da gastronomía para o sector turístico xa que constitúe a segunda motivación pola que os turistas visitan a nosa comunidade
Sinala os recoñecementos cos que conta a gastronomía galega na actualidade destacando as 13 Estrelas Michelin e os 37 Soles Repsol que distinguen internacionalmente aos nosos restaurantes
Refírese aos datos acadados polo Turismo o pasado ano, cando Galicia rexistrou preto de 5 millóns de viaxeiros que realizaron máis de 10 millóns pernoitas
A Xunta e o Consello Galego de Cooperativas contaron en Xantar 2017 cun expositor institucional dedicado á Economía Social, onde se promove o labor das entidades galegas deste sector e a comercialización dos seus produtos e servizos
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participaron no Día do Turismo no marco do 18º Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar 2017.
No acto, a directora de Turismo de Galicia destacou o recoñecemento acadado por Xantar afirmando que é un magnífico Salón que permite dar a coñecer Galicia como destino turístico, ao tempo que constitúe o mellor escaparate para promover a gastronomía galega, segunda motivación pola que os turistas deciden visitar a nosa comunidade.
Neste senso, Nava Castro resaltou a importancia da gastronomía para o sector turístico, xa que constitúe un dos elementos culturais que máis nos identifica. Así, sinalou que Galicia é un destino gastronómico de primeira orde baseado na calidade e variedade dos seus produtos e o alto nivel dos seus cociñeiros.
A responsable de Turismo da Xunta resaltou os recoñecementos cos que conta a gastronomía galega na actualidade facendo referencia aos 13 restaurantes distinguidos coa Estrela Michelin e aos 26 restaurantes que locen 37 Soles Repsol. Así mesmo, referiuse ás máis de 300 festas gastronómicas que impulsan o sector turístico e promoven os nosos produtos con indicación de calidade.
Por outra parte, Nava Castro lembrou que o pasado ano 2016 foi un ano de récord para o Turismo en Galicia, ao rexistrar a nosa comunidade preto de 5 millóns de viaxeiros que realizaron máis de 10 millóns pernoitas, “unhas cifras históricas”, segundo manifestou.
Así, sinalou que a actividade xerada polo turismo representa xa máis do 11% do PIB da nosa comunidade. “O sector turístico constitúe un dos alicerces fundamentais da economía da nosa comunidade”, afirmou.