06 feb 2017

Turismo de Galicia presenta o número VII da revista de investigación sobre o Camiño de Santiago ‘Ad Limina’

Paolo Caucci impartiu un relatorio sobre os inicios do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago que neste 2017 conmemora que fai 25 anos da celebración da súa primeira reunión non oficial

Turismo de Galicia presentou no Museo das Peregrinacións e de Santiago o número VII da revista de investigación sobre o Camiño de Santiago e o mundo das peregrinacións, Ad Limina.

Entre outros, o acto contou coa participación do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e o presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, Paolo Caucci, que impartiu un relatorio sobre os inicios do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago que neste 2017 conmemora que fai 25 anos da celebración da súa primeira reunión non oficial.

O número VII de Ad Limina foi coordinado, polo profesor Manuel Castiñeiras, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, e nel interveñen varios dos seus membros -Simon Barton, Robert Plötz, Adeline Rucquoi e o propio Manuel Castiñeiras- realizando recensións sobre algunhas novidades bibliográficas referidas ao Camiño de Santiago.

A parte máis relevante deste número corresponde aos artigos orixinais asinados por diversos investigadores que enviaron os seus traballos desde Galicia, Cataluña, Bari (Italia) e Edimburgo (Reino Unido).

Deste xeito, componse de cinco artigos e nove recensións bibliográficas, resaltando os traballos orixinais de Victoriano Nodar Fernández (USC) "Unha posible representación do apóstolo Santiago nun capitel da catedral de Santiago de Compostela á luz dos sermóns do Liber Sancti Iacobi", Juan Antonio Olañeta Molina (Universitat de Barcelona) "Modelos, programas e interpretación da representación de Daniel na foxa de los leóns como imaxe alegórica de Cristo Triunfante nalgúns fitos da ruta xacobea", Rosanna Bianco (Università degli Studi di Bari) "Apulia no Camiño de Santiago. Culto e iconografía de Santiago de Compostela en Apulia", Marta Ameijeiras Barros (The University of Edinburgh) "Mapping the cult of St James in England during the Middle Ages" e Miriam Elena Cortés López (USC) "Ante as portas do apóstolo. As escalinatas das prazas da Quintana e das Praterías, en Santiago de Compostela".

Arriba