O proxecto europeo ‘Saber Universal’ impulsará o turismo accesible no Camiño de Santiago
O obxectivo do proxecto é a promoción do turismo accesible mediante a mellora de instalacións e servizos para turistas con necesidades especiais establecidos ao longo de dúas rutas de peregrinación, o Camiño Francés de Santiago en España, e o Camiño de San Benedito, en Italia
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu en Santiago aos representantes do proxecto europeo SABER UNIVERSAL que ten como obxectivo principal a promoción do turismo accesible mediante a mellora de instalacións e servizos para turistas con necesidades especiais establecidos ao longo de dúas rutas de peregrinación, o Camiño Francés de Santiago en España, e o Camiño de San Benedito, en Italia.
O partenariado deste proyecto europeo esta conformado polo seguintes socios: Comune Rieti (Italia), Turismo de Galicia (España), S-cape Travel (España), Free Wheels Onlus (Italia), Cart´Armata Edizioni (Italia) e Azienda speciale Centro (Italia).
No marco deste programa, que ten unha duración total de 18 meses, estase a desenvolver unha avaliación do punto de situación dos servizos e instalacións existentes nas rutas de peregrinación, celebrarase unha formación de operadores turísticos co obxectivo de concienciar da importancia da accesibilidade, deseñarase unha oferta de turismo accesible, e desenvolveranse paquetes turísticos accesibles nos destinos así como accións de comunicación e difusión das actividades desenvolvidas.
Turismo de Galicia está a participar en todas as actividades programadas, e encárgase directamente da organización de dous seminarios, un de eles o de peche do proxecto no que serán presentados os resultados, e da elaboración dun estudo que permite identificar os operadores turísticos e os mercados especializados en ocio para persoas con discapacidade.
Durante o encontro Nava Castro destacou que a través do proxecto SABER, crearase unha oferta de turismo accesible mellorando as infraestruturas e servizos de dous itinerarios europeos de gran relevancia: o Camiño de Santiago e o Camiño de San Benito en Italia. “Así, poñeremos en marcha un produto turístico que conxugará patrimonio cultural, deportes e actividades ao aire libre, pois ambos os itinerarios son rutas de gran relevancia espiritual, cultural e histórica e representan ademais un atractivo para os amantes do sendeirismo e ciclismo”, sinalou.
Así mesmo, explicou que este proxecto europeo converterá a experiencia da peregrinación en algo universal a través destas rutas que son parte do patrimonio natural e cultural europeo.
Firme aposta pola accesibilidade no Camiño
Nava Castro destacou que dende Turismo de Galicia apóstase firmemente polo Camiño de Santiago como un recurso accesible para todos.
Nesta liña, fixo referencia á colaboración mantida coa Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Fisica (PREDIF) a través da cal desenvolveuse un Plan de Accesibilidade Turística de Galicia que incluíu un plan específico de diagnóstico e execución para a accesibilidade do Camiño de Santiago. Segundo explicou, a través do mesmo realizouse unha diagnose dun amplo número de aspectos da accesibilidade para as diversas tipoloxías de discapacidade existentes e unha serie de propostas para mellorar as condicións de accesibilidade da Ruta Xacobea. En base ao resultado obtido Turismo de Galicia puxo en marcha diversas intervencións e no día de hoxe todos os albergues da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago dispoñen dunha habitación destinada a persoas con discapacidade e aseos destinados a estes peregrinos.
Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta referiuse á formación como un “piar fundamental no camiño á accesibilidade”. Neste senso, destacou, entre outras iniciativas, os cursos postos en marcha por Turismo de Galicia os pasados meses de outubro e novembro no marco do plan de formación “Turismo Accesible para todos” que abordou a normativa e avaliación da accesibilidade turística así como a atención a clientes con discapacidades e outras necesidades diversas. “Ademais, este ano 2017 impartiremos, durante os meses de marzo e abril, unhas xornadas de formación dirixidas ao sector hostaleiro sobre atención ao cliente con necesidades especiais e creación de produtos turísticos accesibles”, manifestou.