06 feb 2017

Turismo de Galicia executa obras en San Cibrao das Viñas para a mellora da accesibilidade da área recreativa da Boutureira

Esta intervención está enmarcada na liña de subvencións de máis de 1,33 millóns de euros que Turismo de Galicia destinou en 2016 para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitaron o concello de San Cibrao das Viñas, xunto co seu alcalde, Manuel Pedro Fernández, para comprobar o resultado da mellora da accesibilidade dun dos seus principais recursos turísticos, a área recreativa da Boutureira.

Esta intervención está enmarcada na liña de subvencións de máis de 1,33 millóns de euros que Turismo de Galicia destinou en 2016 para o fomento da accesibilidade e sinalización turística nos recursos turísticos no medio rural.

Durante a visita, a directora de Turismo de Galicia explicou que o obxectivo desta liña de subvencións, a través da cal o concello de San Cibrao das Viñas recibiu unha achega de máis de 37.000 euros, é dotar o medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para convertelo nun recurso turístico accesible.

Neste senso, afirmou que entre os principais obxectivos do seu departamento está o desenvolvemento do territorio de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade. “Traballamos pola potenciación do turismo e dos seus recursos como un factor de crecemento económico e un instrumento de reequilibrio territorial”, engadiu.

A directora de Turismo de Galicia explicou que mediante esta liña de subvencións se axudou un total de 82 concellos a mellorar a accesibilidade física e á sinalización dos seus recursos turísticos coma os espazos naturais, os miradoiros e as rutas de sendeirismo, as praias marítimas e fluviais ou os bens culturais. Neste senso, Nava Castro destacou que destes concellos un total de 16 se encontran na provincia de Ourense.

Segundo sinalou a responsable de Turismo da Xunta, grazas a estas axudas, os concellos do medio rural puideron levar a cabo obras de construción, ampliación ou mellora de aparcamentos para o acceso aos recursos turísticos, a pavimentación dos accesos ao recurso, así como a construción de pasarelas e ramplas coa conseguinte eliminación de barreiras arquitectónicas.

Ademais, Nava Castro engadiu que esta liña posibilitou a construción, rehabilitación e mellora das instalacións que contribúen a optimizar os accesos e a circulación dos visitantes. “Así mesmo, con este investimento, os concellos do rural tamén se beneficiaron da mellora da accesibilidade dos espazos naturais e a dotación de equipamentos nestes, ademais da sinalización, información visual e información táctil”, explicou.

Máximos históricos no turismo rural


Nava Castro concluíu manifestando que con estas iniciativas estase a potenciar o medio rural da nosa Comunidade e a consolidar Galicia como un destino turístico accesible para todos.

Neste senso, afirmou que, segundo os últimos datos do INE, correspondentes ao ano 2016, o turismo rural de Galicia rexistrou un incremento do 8,7% nos viaxeiros aloxados, superando os 210.000, e dun 17% das pernoitas efectuadas polos eles, con preto de 423.000, cifras que, segundo sinalou, supoñen máximos históricos.

Arriba