16 feb 2017

A Xunta avanza a contratación dos proxectos para mellorar a integración paisaxística dos camiños de Santiago en Compostela, cun investimento de 4,2 millóns de euros

 Xunta acometerá obras de adecuación en, polo menos, catro zonas de entrada dos Camiños de Santiago na cidade, onde o Concello porá á disposición os terreos e reporá os servizos afectados

No Camiño Francés, actuarase entre a baixada do Monte do Gozo e San Lázaro; e nas rúas das Fontiñas, Fonte de Concheiros e Concheiros; no Camiño Portugués, na chegada ao Mosteiro de Conxo e a rotonda sobre a SC-20; e no Inglés, ao seu paso polo polígono do Tambre e fronte ao cemiterio de Boisaca

A titular de Infraestruturas indica que os obxectivos deste convenio son apuntalar a proxección de Santiago como meta do Camiño, que os peregrinos teñan a acollida que merecen e leven como recordo a mellor imaxe da cidade

O conselleiro de Cultura salienta que desde o departamento de Patrimonio realizarase coa máxima axilidade posible a tramitación de todas as autorizacións e permisos necesarios para o desenvolvemento do protocolo

Román Rodríguez cualifica como “unha moi boa nova” o desenvolvemento deste acordo, que beneficiará aos peregrinos e repercutirá de xeito positivo en toda a sociedade ao mellorar, nunha contorna con enorme valor cultural, unha manifestación singular do patrimonio do país como son as rutas xacobeas

 

A directora de Turismo de Galicia fixo fincapé na importancia do coidado das Rutas Xacobeas á súa chegada a cidade de Compostela, o cal, afirmou, “merece un esforzo especial”

 A Xunta avanzou a contratación dos proxectos para mellorar a integración paisaxística dos Camiños de Santiago na súa entrada á cidade de Compostela, cun investimento previsto de 4,2 millóns de euros. Así o avanzou a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, tras o acto de sinatura do acordo de colaboración entre o Goberno galego e o Concello de Santiago para o impulso desta actuación, que deberá estar rematada antes da celebración do vindeiro Ano Xacobeo, en 2021.

Canda Ethel Vázquez, asinaron este acordo, esta mañá no Museo das Peregrinacións, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

Vázquez Mourelle explicou que no próximo mes de marzo se licitarán os contratos para a redacción dos proxectos construtivos co obxectivo de que este ano, en coordinación co Concello de Santiago, estean todos os proxectos redactados para, a continuación, contratar e iniciar as obras.

A responsable de Infraestruturas subliñou que neste acordo converxe o interese e a vontade dos firmantes para que os Camiños de Santiago á súa entrada na cidade sexan sinónimo de calidade e de excelencia para os peregrinos que se acheguen ata Compostela.

Os obxectivos deste convenio, dixo, son “renovar e apuntalar a proxección de Santiago como meta do Camiño, que os peregrinos teñan a acollida que merecen e que leven como recordo a mellor imaxe da cidade”.

No que se refire á distribución de obrigas, no Executivo autonómico será a Axencia Galega de Infraestruturas quen se encargue da redacción dos documentos técnicos necesarios e da contratación e execución das obras. O Concello de Santiago levará a cabo os trámites administrativos necesarios; poñerá á disposición da Xunta os terreos para a execución das obras; e reporá os servizos urbanos afectados.

No documento, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda asume o compromiso de planificar e levar a cabo as actuacións de mellora e integración paisaxística en puntos estratéxicos dos Camiños á entrada en Compostela. Así, no Camiño Francés, actuarase entre a baixada do Monte do Gozo e San Lázaro; e nas rúas das Fontiñas, Fonte de Concheiros e Concheiros, especialmente na reordenación do cruce coa Avenida de Lugo; no Camiño Portugués, na chegada ao Mosteiro de Conxo e a rotonda sobre a SC-20; e no Camiño Inglés, no tránsito no polígono do Tambre e fronte ao cemiterio de Boisaca. Ademais estudarase a posibilidade de realizar actuacións na Vía da Prata, de modo complementario á actuación prevista polo Concello en Castrón Douro; ou no Camiño Portugués ata a Ponte da Rocha Vella.

Resultado dun estudo iniciado en 2014

Esta actuación é resultado dun traballo iniciado no ano 2014 pola entón Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que realizou unha análise sobre o asunto a través do Instituto de Estudos do Territorio.

A conselleira lembrou que a Xunta traballa día a día para que a cidade sexa máis atractiva e accesible para veciños e turistas, apostando por infraestruturas que afasten os tráficos do centro, como a Variante de Aradas; por unha intermodal que facilite o tránsito e os desprazamentos dos viaxeiros; ou pola construción de sendas peonís e ciclistas no contorno de Compostela que favorezan modos de desprazamento máis respectuosos co medio.

Por outra banda, o conselleiro de Cultura salientou que, entre as medidas de impulso ao Camiño, unha das principais materias pendentes é a entrada dos Camiños de Santiago na propia cidade de Compostela e, conscientes disto, “a Xunta e o Concello poñémonos deberes.” Neste sentido, destacou que desde o departamento de Patrimonio realizarase coa máxima axilidade posible a tramitación de todas as autorizacións e permisos necesarios para o desenvolvemento do protocolo.

Román Rodríguez cualificou como “unha moi boa nova” o desenvolvemento deste acordo, que beneficiará aos peregrinos, ao tempo que repercutirá de xeito positivo en toda a sociedade compostelá e galega ao mellorar, nunha contorna con enorme valor cultural, unha manifestación singular do patrimonio do país como son as rutas xacobeas.

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia fixo fincapé na importancia do coidado das Rutas Xacobeas á súa chegada a cidade de Compostela o cal, afirmou, “merece un esforzo especial”. Neste senso, destacou diversas actuacións postas en marcha dende o departamento que dirixe como o Plan de Actuación do Monte do Gozo que, cun investimento inicial de 1,2 millóns de euros, está a adaptar este parque ás necesidades actuais e convertelo nunha referencia nacional e xacobea. Así mesmo, resaltou a creación do Centro Internacional de Peregrinos ou a rehabilitación do Pazo de Xelmírez na mesma Praza do Obradoiro, entre outras iniciativas.

Nava Castro sinalou que a través deste protocolo avánzase nun das liñas estratéxicas do Plan Director do Camiño de Santiago centrada na coordinación e colaboración entre as actuacións relativas á identificación, protección, xestión, promoción e divulgación do Camiño de Santiago. Neste senso afirmou que no ámbito xacobeo o feito de compartir esforzos e crear sinerxías redunda en beneficio de todos.

Arriba