Turismo de Galicia aposta por consolidar a Comunidade galega como destino sustentable
A directora de Turismo de Galicia impartiu unha conferencia sobre o turismo sustentable na nosa comunidade e a importancia da posta en valor do contorno natural na residencia universitaria CET Santiago
Subliña que a sustentabilidade é un elemento transversal que debe integrarse en todas as políticas turísticas que se desenvolvan no territorio
Sinala algúns dos produtos sustentables máis salientables da nosa Comunidade, destacando o turismo termal, enogastronómico, industrial, mariñeiro e ornitolóxico así como a rede de centros BTT Galicia
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, impartiu unha conferencia sobre o turismo sustentable na nosa Comunidade e a importancia da posta en valor do contorno natural na residencia universitaria CET Santiago.
No seu relatorio, que versou en torno a xestión sostible que se está a desenvolver no sector turístico galego Nava Castro, explicou que o desenvolvemento turístico sustentable depende de tres piares fundamentais, o social, o económico e o ambiental, e sinalou que para que un destino sexa completamente sustentable todos os axentes interrelacionados con el teñen que traballar nunha mesma dirección.
Nava Castro sinalou que un dos grandes retos abordados por Turismo de Galicia é converter a nosa comunidade nun modelo europeo de turismo sustentable. “Isto implica traballar na protección, conservación e posta en valor dos recursos endóxenos de Galicia, sen que perdan a súa esencia e valores de sustentabilidade ambiental e social”, explicou a directora de Turismo de Galicia.
Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta incidiu na importancia de que as empresas e profesionais do sector sexan coherentes con este modelo de protección dos recursos. “Isto supón un uso racional dos recursos produtivos vinculados ao negocio, e traballar para acadar un compromiso de responsabilidade empresarial no ámbito social, ambiental e económico”, explicou Nava Castro.
A directora de Turismo de Galicia resaltou que a sustentabilidade é un elemento transversal que debe integrarse en todas as políticas turísticas que se desenvolvan no territorio. “Por isto creamos diferentes produtos acordes co equilibrio entre a protección e o desenvolvemento social, económico e medioambiental”, afirmou.
Nesta liña, Nava Castro falou dalgúns dos produtos sustentables máis salientables da nosa comunidade destacando o turismo termal, enogastronómico, industrial, mariñeiro e ornitolóxico así como a rede de centros BTT Galicia, entre outros.