30 mar 2017

Galicia e a rexión polaca de Cuyavia e Pomerania estudan establecer un acordo de colaboración en torno ao Camiño de Santiago e o termalismo

 O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, foi recibido polo presidente de Cuyavia e Pomerania, Piort Calbecki, na sede do goberno rexional na cidade de Torun

O encontro tivo lugar no marco da reunión celebrada pola Federación Europea do Camiño de Santiago conformada pola Xunta de Galicia e outras sete administracións territoriais europeas
 
A Federación foi creada en 2011 co obxectivo de dar unha dimensión transnacional á Ruta Xacobea e traballar na consolidación do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, viaxou esta semana á cidade polaca de Torun para reunirse co presidente da rexión de Cuyavia e Pomerania, Piort Calbecki, e asistir á reunión da Federación Europea do Camiño de Santiago, conformada pola Xunta de Galicia xunto a outras sete administracións territoriais doutros tantos países europeos.

Durante o encontro co presidente rexional, Rafael Sánchez agradeceu o interese da rexión pola súa integración na Federación Europea do Camiño de Santiago e destacou a importante labor que este goberno rexional está a desenvolver a prol do Camiño de Santiago en Polonia, apoiando a sinalización do mesmo, ás actividades dos colectivos xacobeos desta zona, así como ao funcionamento da Cátedra do Camiño de Santiago na Universidade de Torun.
 
O presidente de Cuyavia e Pomerania, pola súa parte, amosou o seu interese por establecer un acordo de colaboración con Galicia, pois ambas rexións manteñen importantes similitudes en extensión territorial e poboación, contan cun importante sector primario e no ámbito turístico manteñen intereses comúns en temas como o Camiño de Santiago e o termalismo.
 
Reunión Federación Europea do Camiño de Santiago
Por outra parte, a cidade de Torun acolleu a reunión da Federación Europea do Camiño de Santiago que contou tamén coa participación do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, e representantes de cada unha das entidades da Federación: a Communauté d'Agglomération su Puy en Velay -Francia-, a provincia de Namur – Bélxica-, a Asociación de Municipios Xacobeos de Lituania, os municipios de Asis – Italia-, Vila Pouca de Aguiar –Portugal- e Rothenbourg ob der Tauber –Alemaña- e a rexión de Cuyavia e Pomerania –Polonia-, recentemente integrada no dito organismo.
 
Esta Federación foi creado en 2011 co obxectivo de dar unha dimensión transnacional á Ruta Xacobea e traballar na consolidación do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Na actualidade actúa como órgano xestor diante do Instituto de Itinerarios Culturais do Consello de Europa.
 
Os principais asuntos abordados no decurso da reunión xiraron en torno á nova web da Federación, www.saintjamesway.eu, á diversas propostas de colaboración con outras rutas culturais como a Vía Rexia, ao estudo de nova incorporacións ao organismo e á organización de diferentes actuacións entre as que destacan accións conxuntas con universidades de Portugal, un proxecto belga sobre gastronomía e turismo, así como a creación de grupos de traballo, entre outras. Así mesmo, na xuntanza cada un dos membros da Federación expuxeron as actividades realizadas nestes primeiros meses do ano 2017.
 
Por outra parte, tratouse tamén a celebración do 30 aniversario da declaración de Santiago de Compostela polo Consello Europa como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, a cal iniciou este programa que hoxe conta con máis de 30 rutas.
Arriba