27 mar 2017

Nava Castro valora a divulgación da camelia como un factor decisivo para a súa consolidación como recurso turístico diferenciador

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, clausurou  as I Xornadas Internacionais da Camelia celebradas esta fin de semana no Pazo Quinteiro da Cruz

 

Destacou o impulso da administración autonómica do coñecemento deste recurso a través de iniciativas como a Ruta da Camelia ou experiencias combinadas ao redor desta flor, que están a axudar a desestacionalizar o turismo 
 

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, referiuse  á divulgación e formación ao redor da camelia, como un factor decisivo na conservación e promoción desta flor. Do mesmo xeito, engadiu, contribúe a que se consolide como un recurso turístico diferenciador e de calidade.

A responsable de Turismo da Xunta fixo estas declaracións durante a clausura das ‘I Xornadas Internacionais da Camelia’, celebradas a pasada fin de semana en Ribadumia e nas que se falou de asuntos como o potencial da camelia como experiencia de coñecemento, gastronómica, vivencial e de destino, así como o seu papel en terapias de benestar.

As xornadas celebráronse no Pazo Quinteiro da Cruz, un dos doce espazos que integran a Ruta da Camelia, o itinerario deseñado por Turismo de Galicia para percorrer a nosa comunidade a través de pazos e xardíns onde a camelia habita en todo o seu esplendor e que se está a converter nun potente recurso turístico para Galicia. “Permite posicionarnos como destino experiencial, é todo un referente internacional e axúdanos a desestacionalizar a nosa oferta”, indicou Nava Catro.

Realidade aumentada

Neste sentido, resaltou o papel da colección de camelias con realidade aumentada que se pode atopar no Pazo Quinteiro da Cruz e que permite gozar desta flor durante todo o ano. Tamén se referiu ao traballo que realiza este Pazo na difusión das propiedades gastronómicas da camelia, ao contar, tamén cunha plantación destinada á produción de té nos seus xardíns.

A directora de Turismo de Galicia referiuse, así mesmo, ao traballo levado a cabo polo seu departamento para poñer en valor este recurso, como a sinalización turística propia coa que contan os xardíns con camelias en Galicia que permite que a súa identificación sexa máis sinxela para os visitantes. Do mesmo xeito, avanzou a súa intención de poñer en marcha durante este ano o Comité de Ruta da Camelia, que será “un paso definitivo na profesionalización dos xardíns con esta flor”.

Recordou, ademais, experiencias turísticas como Camelias durmindo en Paradores, Camelias durmindo en Pazos ou Camelias e Bodegas, todas elas, experiencias únicas postas en marcha por Turismo de Galicia para combinar o mellor dos nosos recursos.

Experiencia gastronómica

As xornadas internacionais, que tiveron como eslogan ‘Ven Comer a Camelia’, contaron coa participación de Iñaki Bretal, cociñeiro do Grupo Nove, propietario do restaurante gastronómico Eirado, do cátering Eirado da Leña e do restaurante Loaira.

Bretal presentou a experiencia de comer a camelia nun menú degustación que contaba con ingredientes dalgunha parte desta flor, sexa na elaboración do prato principal ou nalgunha das guarnicións.

“O bo comer é un dos puntos fortes do noso turismo e unha das principais razóns que motivan a viaxe a Galicia. E se o combinamos con produtos elaborados coa camelia, o resultado é unha fórmula de éxito seguro”, sinalou Nava Castro.

Arriba