17 abr 2017

A Xunta achega máis de 1 millón de euros para a conservación e promoción do Camiño Francés e a cooperación dos concellos galegos nesta ruta

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os alcaldes dos diferentes concellos asinaron hoxe un convenio de colaboración que inclúe actuacións que garantirán a calidade da peregrinaxe en Galicia

As melloras efectuaranse en Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela
 
Estes concellos tamén entrarán a formar parte da Asociación de Municipios do Camiño Francés, para fomentar a cooperación municipal e facilitar a posta en marcha de maneira conxunta de proxectos de interese común sobre o Camiño

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os alcaldes e alcaldesas dos concellos galegos do Camiño Francés asinaron un convenio de colaboración en virtude do cal a Xunta de Galicia aportará máis de 1 millón de euros para a conservación, promoción e mantemento desta ruta así como para impulsar a cooperación entre todos estes concellos polos que pasa este itinerario xacobeo en Galicia.

Como indicou Nava Castro durante o acto, trátase dun convenio plurianual para os anos 2017, 2018 e 2019 e que comprende actuacións nos concellos de Arzúa, Melide, Monterroso, Palas de Rei, Paradela, Pedrafita do Cebreiro, O Pino, Portomarín, Samos, Sarria e Triacastela.
 
“Trátase este dun investimento que, coas actuacións previstas, permitirá manter o Camiño Francés nas condicións óptimas para os milleiros de peregrinos que, ano a ano, a escollen como ruta para chegar a Compostela. E tamén axudará a seguir dotando de valor e calidade a experiencia de peregrinaxe pola nosa comunidade”, valorou Nava Castro.
 
Recordando que o ano pasado Galicia pechou con 277.854 peregrinos- unha cifra histórica que supera o dato acadado no último Xacobeo 2010- e, deles, o 63% escolleron o Camiño Francés, a responsable de Turismo da Xunta advertiu que é este un factor clave para converterse nunha das rutas que precisan un valor máis alto de protección así como unha atención continuada aos peregrinos.

Mellor acollida aos peregrinos
No que se refire a este convenio, indicou que inclúe diferentes liñas de actuación, entre as que destacou as melloras das infraestruturas e bens do Camiño Francés para prestar unha boa acollida aos peregrinos, comprendendo aquí dende obras de conservación e reposición por razóns de urxencia; obras de mellora do Camiño e a súa contorna ou o establecemento e dotación de áreas de descanso, entre outras.
 
Turismo de Galicia tamén axudará naqueles gastos nos que incorran estes concellos para a atención aos peregrinos, tales como iluminación pública ou recollida de lixos e tamén en actividades de promoción e no desenvolvemento de actividades culturais e turísticas.
 
A responsable de Turismo da Xunta tamén se referiu á importancia deste convenio para garantir unha atención e información “continuada e específica” aos peregrinos de todo o Camiño Francés e do fito xacobeo. Unha actuación, coa que os concellos se comprometerán a contratar persoal con formación en turismo e coñecementos do Camiño de Santiago entre os meses de abril e setembro. E tamén deberán procurar a actualización continua da información facilitada a través das páxinas web do Concello referidas ao Camiño e o fito xacobeo.
 
Como novidade, como indicou Nava Castro, e nunha sorte de pór en valor o papel do Camiño de Santiago como un dos símbolos históricos da unidade europea, Turismo de Galicia inclúe a inclusión destes concellos na Asociación de Municipios do Camiño Francés, unha entidade de ámbito nacional sen ánimo de lucro que ten, entre os seus fins principais o de establecer relación de cooperación entre todos os seus membros.
 
“Será esta unha importante oportunidade para promover e facilitar cos medios posibles a posta en marcha de maneira conxunta de proxectos de interese común en relación co Camiño de Santiago, para fomentar o contacto entre as Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago así como para que as distintas administracións poidan colaborar na protección e promoción do Camiño de Santiago”, indicou Nava Castro.
 
A responsable de Turismo da Xunta valorou o convenio como un acto que “reforza o compromiso da Xunta” e pon en valor “a nosa obriga de conservar este importante legado”. Do mesmo xeito, tendeu a man aos concellos para “seguir traballando xuntos e garantir que o Camiño continúe a ser un importante polo de atracción para cidadáns de todo o mundo e funcione como revulsivo económico para os concellos polos que atravesa”, concluíu.
 
 
 
Arriba