Turismo e Portos de Galicia reforzan a súa aposta pola promoción internacional das actividades náuticas
A directora de Turismo de Galicia e o presidente de Portos de Galicia asinaron hoxe un convenio de colaboración para establecer accións de promoción conxuntas
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán Hermida, asinaron un convenio de colaboración que reforzará a aposta da Administración autonómica pola promoción internacional do turismo e as actividades náuticas en Galicia.
Como explicou Nava Castro durante a súa intervención, o convenio inclúe a promoción conxunta fóra das nosas fronteiras das instalacións e servizos portuarios para a náutica dos que dispoñemos en Galicia, así como a promoción da actividade de turismo náutico que ofrece a nosa comunidade.
Por iso, e ao abeiro deste acordo, está prevista a participación no Salón ‘Grand Pavois’, no Salón Náutico de París e no Southampton Boat Show, os principais certames sectoriais no ámbito internacional. Así mesmo celebraranse dúas presentacións nas cidades de Cork e Dublín en colaboración con Turespaña para difundir a oferta galega no mercado irlandés e tamén se presentará a oferta náutica e de cruceiros galega en Portugal.
Innovadora oferta
Igualmente, desenvolverase o programa de cruceiros costeiros, “unha innovadora oferta náutica e turística que potencia o gran atractivo que constitúen as nosas rías e que contou no pasado ano 2016 cun gran éxito de participación”, indicou a directora de Turismo de Galicia.
O convenio comprende, ademais, entre outras actividades, a acción de turismo náutico e de cruceiros denominada ‘Galicia, Atlantic Destination’, que incrementará o atractivo da nosa comunidade como destino ligado ao mar.
Un compendio de accións, todas elas, dixo Nava Castro, que presentarán, difundirán e promoverán as nosas instalacións e actividades náuticas, que constitúen un “gran reclamo turístico” e que axudarán a consolidar Galicia como un destino multiexperiencial.