Galicia presentouse como destino de golf no certame Unigolf 2017
Turismo de Galicia dispuxo dun espazo para promover os recursos e servizos desta modalidade turística no que tamén participará a Asociación Galicia destino Golf
Turismo de Galicia dispuxo dun espazo para promover os recursos e servizos desta modalidade turística no que tamén participou a Asociación Galicia destino Golf
Turismo de Galicia presentou a Comunidade galega como destino de golf dentro do certame Unigolf 2017 que se desenvolveu nas instalacións de IFEMA, en Madrid.
Turismo de Galicia contou nesta ocasión cun recinto de 20 metros cadrados no que se informou sobre as posibilidades da oferta galega ao público asistente e mantivéronse xuntanzas de traballo cos operadores especializados que visitaron a feira.
Ademais, xunto ao departamento de Turismo da Xunta, participou a Asociación Galicia Destino Golf, na que se integran as principais empresas e colectivos vinculados a este deporte na Comunidade galega.
Neste certame, Turismo de Galicia difundiu os recursos e os produtos relacionados co turismo de golf en Galicia, así como a oferta turística xeral e o Camiño de Santiago.
Os expositores que participan en Unigolf son campos de golf, cadeas hoteleiras, operadores especializados, oficinas de turismo nacionais e internacionais, axencias de viaxe, fabricantes de material, roupa e complementos para golfistas.
Promoción do destino
No ámbito do deporte, Turismo de Galicia desenvolve un programa para a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, así como a creación de campionatos de golf relacionados co turismo termal.
Neste marco, o departamento de Turismo da Xunta presenta accións encamiñadas á promoción, á captación de máis turistas e ao establecemento de sinerxías con operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf.
Entre as actuacións máis salientables destacan a participación en feiras sectoriais de golf, accións de promoción en medios de comunicación especializados en colaboración coas empresas xestoras dos campos, a realización de eventos para participantes amateurs, o lanzamento de ofertas de fins de semana multiexperienciais combinando turismo de golf con turismo termal ou rural ou tamén a creación de paquetes turísticos, ofertando golf, aloxamento, termalismo e gastronomía, especialmente para o colectivo sénior.