Turismo de Galicia reforza o seu apoio ao Camiño xaponés de Shikoku-Henro para ser declarado Patrimonio Mundial
Vén de participar nun encontro en Xapón no que se respaldou esta candidatura a través de diferentes actividades entre as que se incluíu un relatorio sobre o Camiño de Santiago
Coa intención de fortalecer a relación turística e cultural entre Galicia e Xapón e tamén para manifestar o seu apoio a que o Camiño xaponés Shikoku-Henro sexa declarado Patrimonio Mundial, Turismo de Galicia vén de participar en Xapón nun encontro ao redor deste itinerario.
A iniciativa incluíu unha peregrinación por este camiño con representantes das catro prefecturas, visitas aos seus templos, así como unha conferencia sobre o Camiño de Santiago e o itinerario xaponés. Neste sentido incidiuse nos esforzos para que se declare o Camiño de Shikoku Patrimonio Mundial, tendo en conta que debe ser o propio goberno xaponés quen promova tamén a candidatura ante a UNESCO.
Tamén se avanzou a celebración dunha exposición de Shikoku-Henro en Santiago o vindeiro mes de xullo e se falou do proxecto conxunto de Galicia-Shikoku para inscribir no rexistro de Patrimonio Mundial ao Camiño de Shikoku.
Consolidación da ruta
Este encontro enmárcase no traballo de Turismo de Galicia con esta ruta xa que mantén contactos continuados con representantes de Shikoku para asesorar e colaborar na consolidación desta ruta de peregrinación. Algo que xa se fixera co Camiño Kumano co que o Camiño de Santiago mantén un irmanamento dende 1998 a través do que se establecen estreitos lazos entre Galicia e a perfectura de Wakayama.
O Camiño de Shikoku-Henro é coñecido como a ruta dos 88 templos e trátase dun circuito circular de 1.200 quilómetros que percorre as catro provincias da Illa de Shikoku. Pódese percorrer só un tramo concreto, pero a diferenza cos outros camiños é que este non ten un principio e un fin estritos por ser circular.
Mercado xaponés
No Camiño de Santiago, o mercado xaponés está a ter un importante crecemento nos últimos anos, medrando dos 1.197 peregrinos que selaron a Compostela en 2015 aos preto de 1.500 que o fixeron o ano pasado. No que vai de ano, a cifra supera os 160 peregrinos.