Turismo de Galicia salienta o papel da concienciación para acadar unha efectiva seguridade viaria no Camiño de Santiago
Repartiranse dípticos, carteis e marca páxinas nos concellos, oficinas de turismo e albergues do Camiño
Lembra que, con máis de 30.000 peregrinos no que levamos de ano, supérase en máis do 17% os datos do ano pasado
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana Ortiz e o tenente xefe accidental do subsector de Tráfico da Guarda Civil de Pontevedra, Miguel Cruz Trillo, presentaron no albergue de peregrinos de Valga, a nova campaña de concienciación da Dirección Xeral de Tráfico para peregrinos coa intención de axudar a acadar unha “efectiva seguridade viaria no Camiño de Santiago”, dixo Nava Castro.
Durante o acto de presentación, a responsable de Turismo da Xunta referiuse ao papel clave de campañas de divulgación e prevención como estas porque, como dixo, axudan a concienciar aos peregrinos e a que poidan manter a excelencia na súa experiencia da peregrinaxe. “Temos claro que o peregrino é a alma do Camiño, ademais do seu mellor embaixador e prescriptor, por iso, ademais de velar pola súa acollida, o bo trato ou a hospitalidade, tamén temos que traballar na garantía da súa seguridade con iniciativas como esta”, destacou Nava Castro.
Peregrinos a pé e en bicicleta
Esta campaña sitúase no marco das directrices da Comisión de Seguridade Viaria nos Camiños de Santiago –da que forma parte Turismo de Galicia, así como a Dirección Xeral de Tráfico, entre outras entidades. Inclúe o reparto de material informativo en forma de dípticos, carteis e marca-páxinas con diferentes recomendacións para peregrinos que realicen o Camiño a pé ou en bicicleta. Todo este material distribuirase nos concellos polos que transcorre o Camiño de Santiago, albergues e oficinas de turismo.
A esta iniciativa súmase a presentada recentemente no marco desta Comisión de Seguridade Viaria nos Camiños, pola que tamén se están repartindo cubre-mochilas reflectoras nos albergues de inicio de Camiño en O Cebreiro, A Gudiña, Verín, Tui, Ribadeo, Padrón, A Fonsagrada ou Sarria, para que os peregrinos se fagan ver durante a noite ou en condicións de escasa visibilidade, polo seu tránsito nas beirarrúas e arcéns do Camiño.
Un Camiño de Santiago que, como recordou Nava Castro, con máis de 30.000 peregrin, e superando máis do 17% as cifras do ano pasado, mantén unhas cifras que demostran o seu enorme potencial e tamén “sensata necesidade” de que todos eles realicen a súa peregrinaxe “nas mellores condicións e con tranquilidade”, salientou.