05 mai 2017

A mesa do Camiño na provincia de Pontevedra incorpora ao Camiño Portugués da Costa e ao Camiño de Inverno

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta mañá no encontro, no que se aprobou o regulamento da Mesa en virtude do cal se incorporan estes dous itinerarios

Nava Castro informou das actuacións do seu departamento, que inclúen melloras de accesibilidade nos albergues, medidas de seguridade viaria e reforzos da sinalización das novas rutas

Avanzou ademais que en 2018 o Plan Director e Estratéxico do Camiño estará centrado no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa

 

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou  na Mesa do Camiño de Santiago na provincia de Pontevedra, integrada pola Xunta de Galicia, os concellos polos que pasa esta Ruta Xacobea nesta provincia e a Deputación de Pontevedra. 


Un encontro no que a Mesa aprobou o seu regulamento, en virtude do cal, ademais do Camiño Portugués e a Vía da Prata- Camiño Mozárabe, incorpóranse o Camiño Portugués da Costa e o Camiño de Inverno, tras a súa declaración oficial como Camiño de Santiago.

Durante a reunión, a responsable de Turismo da Xunta - tras salientar os datos de peregrinos que superaron no ano 2016 os 52.000 peregrinos polo Camiño Portugués -informou das diferentes intervencións en materia de sinalización, accesibilidade, seguridade e promoción levadas a cabo nas rutas da provincia.

Neste sentido, recordou que, tras a declaración oficial do Camiño Portugués da Costa e do Camiño de Inverno como Camiño de Santiago, Turismo de Galicia está a promover, á espera da delimitación destas rutas, un reforzo da sinalización provisional existente coa colocación de mouteiras, placas, frechas e conchas de bronce. 

No caso do Camiño Portugués da Costa colocáronse máis de 80 mouteiras, unha cifra similar á que se está a colocar no Camiño de Inverno, onde se instalarán un total de 78.

Seguridade viaria

Acometéronse, ademais, melloras do firme, e o servizo de de roza e limpeza dos Camiños nos bordes das rutas ao seu paso pola provincia desenvolveu a súa actividade ao longo de todo o ano 2016 e o que levamos do 2017 colaborando cos concellos neste labor. Do mesmo xeito, informouse de que, ao abeiro da participación da Xunta de Galicia na Comisión de Seguridade Viaria do Camiño de Santiago promovida pola delegación do Goberno, estanse a realizar diferentes actuacións de reforzo de sinalización horizontal e vertical en varias estradas nacionais e autonómicas da provincia.

No que se refire á Rede Pública de Albergues da Xunta, informouse de que nos que están presentes na provincia de Pontevedra, realizáronse melloras de accesibilidade, tanto nas instalacións destinadas ás persoas con mobilidade reducida (cuartos e baños), así como a sinalización agora tamén táctil.

Finalmente, a directora de Turismo de Galicia tamén informou das distintas actividades de promoción levadas a cabo destas rutas, que inclúen a edición de folletos así como a asistencia a feiras e organización de fampress e famtrip no que diferentes turoperadores de lugares como Irlanda ou EEUU realizaron algunha das rutas na provincia de Pontevedra.

Avanzou, ademais, que dentro da programación do Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, no vindeiro 2018 está previsto dedicarlle especial atención ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués da Costa, con reforzos e melloras da sinalización ou melloras no firme ou iniciar o procedemento para a creación dun albergue de peregrinos na cidade de Vigo.

Arriba