06 nov 2017

Turismo de Galicia convoca tres cursos para fomentar a accesibilidade turística na Comunidade

 Xa está aberto o prazo de inscrición en ‘Recursos públicos e privados que fomentan a accesibilidade turística’, ‘Normativa e avaliación da accesibilidade’ e ‘Turismo accesible e atención ao cliente con discapacidade e outras necesidades diversas’

 
Representantes do sector turístico e da discapacidade asistiron esta semana a unha mesa redonda neste eido no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) para traballar na implantación da accesibilidade dentro do proxecto SABER Universal
 
Estas iniciativas inclúense no Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago co que a Administración autonómica traballa para a consecución dun destino cada vez máis integrador e accesible
 

Turismo de Galicia organiza este mes de novembro tres cursos para fomentar a accesibilidade turística na Comunidade galega destinados a profesionais de empresas turísticas e estudantes de titulacións relacionadas coa actividade turística e a hostalaría.

Este programa docente inclúe o desenvolvemento dos cursos Recursos públicos e privados que fomentan a accesibilidade turística, Normativa e avaliación da accesibilidade e Turismo accesible e atención ao cliente con discapacidade e outras necesidades diversas.

A primeira destas actividades terá lugar o 24 de novembro na sede do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) para axudar a buscar financiamento e concursos europeos, as subvencións no ámbito estatal, autonómico e local que están dirixidas á promoción do turismo accesible, así como a estudar as vías de cofinanciamento coa empresa privada e as distintas fundacións que actúan en favor das persoas con discapacidade.

Normativa e avaliación

O curso Normativa e avaliación da accesibilidade impartirase o día 21 de novembro na Coruña; o día 23, en Lugo; o 28, en Pontevedra, e o 30, en Ourense. O programa destinarase a ofrecer ferramentas para diagnosticar a accesibilidade dos establecementos turísticos, coñecer a normativa, así como as principais necesidades das persoas con discapacidade no ámbito turístico.

Por último, o días 20 de novembro, na Coruña; o 22, en Lugo; o 27, en Pontevedra, e o 29 de novembro en Ourense, terá lugar o curso Turismo accesible e atención ao cliente con discapacidade e outras necesidades diversas. Neste caso, os obxectivos pasan por dar a coñecer as vantaxes económicas e sociais que o turismo accesible lle ofrece ao sector así como poñer en valor as necesidades que se deben cubrir para conseguir a plena integración das persoas con discapacidade no uso das infraestruturas e servizos turísticos. A inscrición online para todos os cursos está aberta na páxina web de Turismo de Galicia.

Formación do sector

Esta iniciativa enmárcanse nas actividades previstas no Plan de accesibilidade turística de Galicia e do Camiño de Santiago, co que a Administración autonómica está a traballar para a consecución dun destino cada vez máis integrador e accesible. Este Plan é un compromiso plasmado na Estratexia do turismo de Galicia 2020, deseñada para acompañar o crecemento ordenado e planificado de viaxeiros coa vista posta no Xacobeo 2021 e alíñase, ademais, co Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago.

Esta estratexia turística proporciona ao destino e ao sector galego o soporte e as ferramentas adecuadas para avanzar en cuestións de accesibilidade universal, entre as que se inclúe a formación do sector como unha das liñas de actuación.

Neste sentido, o Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) acolleu unha mesa redonda na que empresas, asociacións e entidades locais coñeceron e traballaron no proxecto europeo SABER Universal, a Carta de Turismo Accesible Santiago-San Benedetto que promove o turismo accesible mediante a mellora de instalacións e servizos para turistas con necesidades especiais establecidos ao longo de dúas rutas de peregrinación, o Camiño de Santiago, en España e o Camiño de San Benedetto, en Italia.

Esta inicativa formativa –que contou coa presenza da directora de Turismo, Nava Castro– chegou a pasada semana a Santiago de Compostela tras percorrer nos últimos meses as cidades da Coruña, Pontevedra e Lugo, coa presenza de numerosos profesionais do sector.

 
Arriba