12 mai 2017

Galicia e o estado mexicano de Guanajuato acordan colaborar no ámbito turístico

 A directora de Turismo de Galicia e o secretario de Turismo deste estado mexicano asinaron un memorándum de entendemento para fortalecer a promoción de ambos destinos

Nava Castro resaltou que o acordo supón un “importante” paso adiante para a internacionalización de ambos destinos

 

Recordou que o mercado mexicano asociado ao Camiño de Santiago é un mercado en auxe, alcanzando máis de 2.300 peregrinos o ano pasado

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o secretario de Turismo do estado mexicano de Guanajato, Fernando Olivera, asinaron un memorándum de entendemento no que se establece a folla de ruta para colaborar no ámbito turístico e fortalecer así as accións encamiñadas á súa promoción.

Trátase este dun acordo que, en palabras de Nava Castro, supón un “importante paso adiante para a internacionalización de ambos destinos”. Unha internacionalización que, recordou, é un dos obxectivos clave nas liñas de traballo de Turismo de Galicia, enmarcados na Estratexia de Turismo 2020.

“Estamos traballando para incrementar o número de viaxeiros que nos visitan e queremos facelo, fundamentalmente, a partir do auxe do turista estranxeiro”, indicou recordando que o obxectivo da nova Estratexia do Turismo, é que en 2020 o turismo internacional represente o 33,3% do total.

Neste sentido e incidindo nesta internacionalización, a directora de Turismo de Galicia resaltou a importancia de asinar acordos como este, a través do cal os destinos de Galicia e Guanajuato establecerán liñas de colaboración nas que realizarán un intercambio de información e material turístico. Deste xeito, vaise promocionar o destino turístico de Galicia no Estado de Guanajuato, da mesma maneira que Galicia tamén promocionará este destino mexicano.

Plan de traballo conxunto

Tamén se acordou elaborar un plan de traballo conxunto para a concreción dos prazos asociados ás diferentes liñas de traballo, así como unha memoria que resuma o traballo realizado e desglose a aprendizaxe resultante.

Nava Castro referiuse tamén ás similitudes entre ambos destinos, centrados na gran riqueza cultural, recursos singulares, rica gastronomía, recursos termais, así como unha ruta de peregrinación. Ademais, recordou que no Camiño de Santiago, o mercado mexicano está demostrando ser un mercado en auxe, incrementando o número de peregrinos ata chegar a alcanzar os máis de 2.300 que chegaron o ano pasado.

Arriba