18 mai 2017

Turismo de Galicia reforza o seu compromiso co impulso dos recursos turísticos da Costa da Morte

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantiveron un encontro cos representantes de Costa da Morte Acción Turística (CMAT)

Nava Castro lembrou a aposta do seu departamento por promover este xeodestino, materializada nun convenio de colaboración co que se elabora un Plan de acción para o turismo na zona

Durante o encontro tamén se anunciou a convocatoria para as obras de sinalización do Camiño Fisterra-Muxía

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, mantiveron un encontro cos representantes da entidade Costa da Morte Acción Turística (CMAT), nunha reunión na se afianzou o compromiso de Turismo de Galicia por impulsar os recursos turísticos deste xeodestino.

Durante o encontro, Nava Castro lembrou o gran potencial turístico da Costa da Morte e referiuse ao impulso dado por Turismo de Galicia, a través dun convenio de colaboración para a realización de actividades de valorización dos recursos turísticos deste territorio, ao que este departamento contribúe cunha axuda de 60.000 euros.

A través deste convenio elaboraranse, entre outras actividades, un Plan de acción para o turismo da Costa da Morte, que contemplará unha análise do sector turístico do xeodestino, unha diagnose e unha definición das accións a seguir. Levaranse a cabo, ademais, actuacións en materia de produto turístico para dinamizar e mellorar a experiencia turística do xeodestino e estruturar a actual oferta turística. Por último, tamén se realizarán accións de colaboración na promoción e comunicación do xeodestino en medios de comunicación e redes sociais.

Mostra deste traballo conxunto nesta zona foi tamén o encontro mantido hoxe cos representantes de Costa da Morte Acción Turística (CMAT), no que se anunciou a convocatoria para as obras de sinalización do Camiño Fisterra-Muxía.

 
Arriba