17 xul 2017

Turismo de Galicia colabora co xeodestino Ferrolterra-Rías Altas para aproveitar o potencial dos seus recursos naturais

Nava Castro e a Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol asinan un convenio para realizar actividades de promoción, dinamización e fomento turístico

Turismo de Galicia achega o 80% dos 75.000 euros contemplados no acordo, que establece obxectivos comúns nunha zona con destacadas vantaxes competitivas
 
O ‘turismo slow’, a paisaxe costeira, o Parque Natural Fragas do Eume, o Camiño Inglés e o de Santo André de Teixido están entre os recursos máis destacados
 
O acordo firmado, que beneficia a 21 concellos, dá continuidade ás colaboracións pasadas que repercuten na xeración de emprego e na redistribución da riqueza

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol presentaron os contidos do convenio asinado para a realización de diversas actividades de promoción, dinamización e fomento do xeodestino Ferrolterra-Rías Altas. Da súa aplicación ao longo dos próximos meses beneficiaranse os máis de 20 concellos integrados nesta marca turística.

O convenio ten o obxectivo compartido de potenciar e afianzar como destino turístico, tanto nacional como internacional, esta comarca de Galicia, para o cal poranse en valor os seus recursos endóxenos, traballarase por consolidar a súa imaxe de marca e promocionaranse e comercializaranse produtos turísticos innovadores. O acordo subscrito a dúas bandas leva aparellada unha subvención de 75.000 euros, dos cales Turismo de Galicia achega o 80%.

Nava Castro subliñou que o xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, que o ano pasado presentou unha evolución positiva en liña co resto da Comunidade, conta cuns valores endóxenos de alto valor natural e paisaxístico que o converten nun destino único. Nos seus preto de 450 km² de territorio atópanse importantes Espazos Naturais Protexidos, entre os que sobresaen o Lugar de Importancia Comunitaria Costa Ártabra, que percorre a maior parte da liña costeira en nove concellos, o Parque Natural Fragas do Eume e o Lugar de Importancia Comunitaria Xubia-Castro. Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia lembrou que a natureza é a principal motivación pola que os viaxeiros elixen a Comunidade como destino. A estes recursos, sinalados como vantaxes competitivas, engádese que este xeodestino é un dos puntos de partida do Camiño Inglés en Galicia e un referente do turismo industrial.

Cinco liñas de acción

Para acadar os diversos obxectivos, establécense cinco liñas de acción. A primeira afondará na promoción do destino turístico en internet, soportes físicos, feiras ou espazos de gran afluencia. Ademais, en liña coa Estratexia do turismo de Galicia 2020, impulsarase a oferta do turismo slow, de xeito que podan sumarse a ela empresas potencialmente interesadas e se acade un maior coñecemento entre viaxeiros interesados neste tipo de propostas.

 

Os produtos Costa das Ondas e Camiños da Peregrinación tamén se inclúen no convenio, que propón aproveitar as singularidades que ten o Camiño Inglés e o Camiño a Santo André de Teixido. Traballarase, así mesmo, por mellorar a interpretación da paisaxe costeira, unha das experiencias más impresionantes deste destino cun enorme interese para os turistas náuticos, os cruceiristas e os viaxeiros que puntualmente realizan rutas en barco.

Este convenio de colaboración dá continuidade á colaboración no pasado entre Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Ferrol que xa permitiu desenvolver numerosas actuacións para asentar os piares dunha estratexia turística supramunicipal no xeodestino Ferrolterra-Rías Altas, cos beneficios para a xeración de emprego e redistribución da riqueza.

 

Arriba