Turismo de Galicia executará un centro de recepción de visitantes e unha área divulgativa no Castro de Santa Trega
Nava Castro asinou un convenio de colaboración co Concello da Guarda que supón un investimento da Xunta de 220.000 euros na mellora do seu patrimonio
O proxecto ‘Porta do Trega’ inclúe a construción dunha edificación que albergará punto de recepción de visitantes, posto de control, cobro e regulación de acceso ou espazo de información turística e obras de acondicionamento e pavimentación
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asinou un convenio de colaboración co Concello da Guarda para a execución do proxecto Porta do Trega, unha iniciativa que mellorará os servizos para os visitantes do Castro de Santa Tegra coa execución dun centro de recepción e unha área divulgativa.
A Xunta investirá 220.000 euros ao longo dos dous próximos anos, o que cobre o 100% do orzamento necesario para poñer en valor, divulgar e conservar este conxunto arqueolóxico, declarado ben de interese cultural (BIC), ademais de potenciar a oferta turística da comarca coa combinación de natureza e patrimonio cultural nun dos castros galegos máis visitados.
Nava Castro, que celebrou a colaboración entre administracións a prol do interese xeral e os obxectivos comúns, referiuse ao Castro de Santa Trega como “un libro aberto que fala da nosa historia, desa historia que debemos coñecer máis e compartir cos que nos visitan”.
Ata agora, a ruta de subida ao monte e ao complexo arqueolóxico non dispoñía de ningún espazo previo como recepción para os visitantes, situación que cambiará con este proxecto. Así, acondicionarase a área de recepción de visitantes, coa construción dunha edificación, ademais do punto de control de cobros e o recinto de información turística e divulgativa do asentamento castrense, que funcionará conxuntamente co espazo existente e que conta con aseos e unha zona de aparcadoiro. Ao abeiro do proxecto Porta do Trega, levaranse a cabo obras de adecuación e pavimentación especial de redución da velocidade dos vehículos.
Crecemento do 30% en Vigo-Baixo Miño
A directora de Turismo de Galicia lembrou que esta iniciativa afonda a nos compromisos da Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta que guía a xestión do Goberno galego neste eido, coa participación do sector privado e coa calidade e a sustentabilidade como guías. Como se reflicte na dita estratexia, este proxecto impulsa o enfoque turístico do patrimonio de xeito planificado, potencia os valores diferenciadores de Galicia aproveitando o mellor de cada zona, e mellora os recursos turísticos dos concellos da Comunidade.
Así, contribúese ao impulso da Guarda e do sur de Galicia como un destino diferenciado e de calidade. Só nos sete primeiros meses deste ano, o xeodestino Vigo-Baixo Miño, ao que pertence A Guarda, recibiu preto de 346.000 viaxeiros, o que supón unha suba do 29,5%. Ademais, rexistráronse preto de 674.000 pernoitas, o que representa un aumento do 35,5%. O turismo nacional subiu un 30% e aínda con máis forza aumentou o internacional, cun 56%, unha oportunidade do destino á que Turismo de Galicia contribúe tamén con este convenio.
Turismo de Galicia ejecutará un centro de recepción de visitantes y un área divulgativo en el Castro de Santa Trega