04 set 2017

A sede da Cátedra do Camiño de Santiago inicia a súa actividade cun ciclo de conferencias con especialistas de diversas universidades

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou o ciclo de conferencias que terá lugar na sede da Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, situada no novo Centro Internacional de Acollida ao Peregrino. Esta cátedra é o proxecto académico máis importante impulsado ao abeiro do Plan director do Camiño de Santiago e supón un fito no estudo do fenómeno xacobeo.

 
Nava Castro estivo acompañada dos representantes das dúas institucións que promoven a cátedra coa Xunta: Almudena Hospido, vicerreitora de Internacionalización da Universidade de Santiago, e Segundo Pérez, deán da Catedral de Santiago. Xunto a eles compareceron, ademais, Domingo González Lopo, director da cátedra, e a codirectora, Adeline Rucquoi.
 
“A enorme vitalidade da peregrinación xacobea e a súa importancia na nosa sociedade, cun interese crecente cada día máis internacionalizado e diversificado, facían máis necesaria que nunca a cátedra para afondar nas súas raíces cunha base científica”, sinalou a directora de Turismo de Galicia. Ademais, precisou que a sede da cátedra non é casual, pois pretende “vincular a actividade académica coa actividade da atención diaria” neste centro.

Bolsas, contratos de investigación ou seminarios
O obxectivo da cátedra é promover e difundir o coñecemento no eido xacobeo, facilitando a reflexión e o debate cultural, impulsando a súa presenza no ámbito universitario. Para isto, levaranse a cabo numerosas iniciativas, ademais das conferencias, algunhas xa en marcha como cursos, seminarios, publicacións ou a creación e mantemento dun fondo bibliográfico e documental. Así mesmo, incentívanse bolsas ou contratos de formación e investigación, premios e concursos de ideas ou proxectos fin de carreira vinculados ao Camiño.
 
As charlas comezan este mesmo luns, ás 20,00 horas, co relatorio de Fernando Villaseñor, da Universidade de Santander, que abordará a Iconografía de Santiago en libros iluminados baixomedievais. Cada mes, celebrarase unha cita ata finais de ano co seguinte calendario:
 
- 6 de outubro: Raquel Alonso Álvarez, Universidade de Oviedo, coa charla A Cámara Santa da catedral de Oviedo. De ‘thesaurus’ a santuario de peregrinación
- 7 de novembro: Attilio Antonelli, Sopraintendenza Archeologia, Belle Arti e Paesaggio per il Commune di Napoli (Italia), con A Real e Pontificia Basílica de Santiago dos Españois en Nápoles
- 12 de decembro: Marco Piccat, Universidade de Trieste (Italia), coa conferencia A peregrinación a Santiago de Compostela nas vidas de santos medievais
 
“Estas conferencias abrirán camiño no traballo que a cátedra ten por diante e que fai de Santiago de Compostela non só a meta da peregrinación, senón o corazón do seu estudo desde onde alentaremos o coñecemento por todos os itinerarios”, declarou Nava Castro.
 
A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións enmárcase na liña estratéxica oito do Plan director do Camiño de Santiago, dedicada á investigación, comunicación e divulgación da ruta xacobea que, como lembrou Nava Castro, “identifica a Galicia como pobo en todo o mundo e supón un factor de desenvolvemento social, cultural e económica de primeira orde”.
 
Lembranza de Robert Plötz
O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago actúa como órgano asesor da cátedra, motivo polo que a directora tivo palabras de lembranza para Robert Plötz, integrante deste comité desde a súa fundación hai 25 anos e que faleceu recentemente. Nava Castro sinalou que a achega ao mundo da investigación xacobea deste profesor alemán, que foi tamén peregrino, ocupará un espazo imprescindible para os investigadores destas materias. 
 
 
Arriba