25 set 2017

A Xunta celebra o Día mundial do Turismo cunha visita ao Parque nacional das Illas atlánticas de Galicia para difundir a sustentabilidade turística

Turismo de Galicia organiza unha travesía para xornalistas pola Ría de Arousa que inclúe avistamento de aves, unha visita á Illa de Sálvora e a observación guiada de astros

Os participantes tamén poderán degustar produtos relacionados coa pesca na Ría de Arousa

 

 A Xunta súmase á celebración do Día Mundial do Turismo, que baixo o lema ‘Turismo sustentable, un instrumento de desenvolvemento’ se celebra hoxe mércores,  27 de setembro.

Turismo de Galicia ten previsto organizar unha visita ao Parque nacional marítimo terrestre das Illas atlánticas de Galicia ao obxecto de difundir os valores do turismo de natureza coma unhas das tipoloxías que máis contribúen á sustentabilidade e á desestacionalización turísticas.

Partindo do porto de Tragove, en Cambados, xornalistas e bloggers que desenvolven o seu labor de comunicación en Galicia farán unha travesía ata a Illa de Sálvora.

Durante o percorrido en barco, terán a oportunidade de asistir ao avistamento de aves mariñas comentado por un experto, recibir explicacións sobre a pesca nas rías e visitar distintos enclaves naturais do litoral da Ría de Arousa.

Produtos mariños

Logo, farán unha visita guiada pola Illa de Sálvora e, antes de regresar, terán a oportunidade de participar nunha degustación de produtos gastronómicos da Ría de Arousa procedentes da pesca sustentable.

Os xornalistas e bloggers tamén poderán contemplar o ceo da Ría de Arousa para observar o distintos astros seguindo as explicación dun especialista.

O Día Mundial do Turismo leva celebrándose desde 1980 cada 27 de setembro, o día en que os Estatutos da Organización Mundial do Turismo (OMT) entraron en vigor. A paz e o diálogo, a enerxía, a accesibilidade, o patrimonio mundial e a auga no turismo foron algúns dos temas abordados nas 37 edicións anteriores.

As celebracións oficiais do Día Mundial do Turismo, 2017, terán lugar en Qatar, como decidiu a Asemblea Xeral da OMT. O evento estruturarase ao redor de dúas sesións, centradas en ‘O turismo como motor de crecemento económico` e `O turismo e o planeta: comprometidos cun futuro máis verde’. Ademais, haberá un grupo de reflexión de alto nivel que se ocupará de abrir o debate sobre o potencial do sector para promover a conservación das culturas e o entendemento mutuo.

Na axenda estará tamén a presentación da Estratexia Nacional para o Sector Turístico de Qatar, que promove enfoques sustentables. A iniciativa vai aparellada á Visión Nacional de Qatar 2030, que se centra no desenvolvemento económico, social e humano e prioriza o turismo como catalizador do progreso cara a unha economía máis diversificada.

Ademais dos eventos que terán lugar en Qatar, o Día Mundial do Turismo celebrarase en todo o mundo. A OMT fai un chamamento á comunidade turística, incluídos os viaxeiros, o sector privado, os gobernos e a sociedade civil, para que se somen ás celebracións e compártanas en www.wtd.unwto.org.  

Ano do turismo sustentable

A finais do ano pasado, a ONU proclamou que o 2017 sería o ano internacional do turismo sustentable co obxectivo de concienciar á sociedade da necesidade de practicar un turismo responsable.

O obxectivo é que a cidadanía tome consciencia do patrimonio natural que posúe, respéctense todas as culturas e leven a cabo diferentes accións para salvagardar os espazos de interese da humanidad, e así, a celebración deste ano pon a problemática do turismo sustentable na axenda das distintas conferencias internacionais.

 
Arriba