25 set 2017

Nava Castro exporá o modelo responsable de xestión turística galego no Parlamento Europeo no Día Mundial do Turismo

 A directora de Turismo de Galicia participará o vindeiro mércores nos actos conmemorativos organizados polo órgano lexislativo da Unión Europea

 
Na súa estadía en Bruxelas fortalecerá contactos no eido europeo coa intención de consolidar e expandir o modelo turístico galego cara novos mercados

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participará este mércores nos actos de conmemoración do Día Mundial do Turismo organizados polo Parlamento Europeo en Bruxelas, nos que se debaterá sobre a estratexia europea para mellorar a competitividade da industria do turismo.

Coa súa presenza nos actos conmemorativos do máximo órgano lexislativo da Unión Europea, Nava Castro presentará o modelo responsable de xestión turística de Galicia, como un destino de calidade, diversificado e sustentable. Afondará na fortaleza turística de recursos como o Camiño de Santiago, de fondo compoñente europeísta e clave na internacionalización do noso destino, así como nos traballos levados a cabo no uso turístico sustentable dos nosos recursos naturais, gastronómicos e diferenciadores.

A responsable de Turismo da Xunta estará presente nunha das mesas redondas organizadas en conmemoración do Día Mundial do Turismo, presidida pola presidenta da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento europeo, Petra Kammerevert compartindo relatorio con representantes de lugares como Venecia, Budapest, Italia ou mesmo representantes dalgunhas das axencias de viaxes máis representativas do mundo.

Un destino cada vez máis competitivo

Na súa estadía en Bruxelas, Nava Castro fortalecerá contactos no eido europeo coa intención de expandir o modelo turístico galego cara novos mercados. A viaxe forma parte da estratexia de Turismo de Galicia 2020 por traballar no eido dun destino cada vez máis competitivo, da man do turismo sustentable e responsable.

Neste sentido, Galicia traballa por posicionarse como destino de referencia nun momento no que a Unión Europea prevé que o número de turistas internacionais se duplique de aquí a 2030 e, por iso Europa, co seu singular patrimonio cultural, paisaxístico e natural pode atraer boa parte desta nova demanda. Deste xeito, a Comunidade galega traballa para estar preparados ante a competencia de novos destinos turísticos, para aproveitar o potencial do sector, transformando os desafíos en oportunidades.

 
Arriba