Fallados os premios Camiño de Santiago que distinguen a institucións e colectivos polo seu traballo no eido xacobeo
Os gañadores nas catro categorías na edición deste 2017 son o Concello de Melide, a Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Lugo, a empresa Ideas Peregrinas de Tui, a iniciativa ‘Spin Way’ da RedEmprendia, a Cátedra do Camiño de Santiago da Universidade de Torun (Polonia) e o Colexio A Merced de Sarria
A edición dos Premios Camiño de Santiago 2017 concedidos por Turismo de Galicia xa teñen gañadores nas súas catro categorías. Estes galardóns, cos que a Xunta de Galicia pretende recoñecer o traballo no eido xacobeo desenvolvido por institucións públicas, asociacións, empresas, universidades, colexios e investigadores, serán entregados nas próximas semanas nun acto que terá lugar en Santiago de Compostela e do que se informará puntualmente aos interesados.
Na categoría de concellos, o premio recaeu no concello de Melide (A Coruña), pola súa labor de embelecemento e posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso polo seu municipio, a sinalización de recursos naturais e patrimoniais e a limpeza dos tramos desta ruta.
No apartado destinado a recoñecer iniciativas o actuacións promovida polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago, o premio foi a parar á Federación Española de Amigos do Camiño de Santiago, que desde hai máis de 25 anos promove encontros e congresos e coordina un programa permanente de hospitaleiros voluntarios, e á Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Lugo, que mantén unha destacada labor na nosa Comunidade.
En terceiro lugar, os Premios Camiños de Santiago distinguen á empresa Ideas Peregrinas de Tui, onde conta cun albergue e espazo de acollida aos peregrinos, e á RedEmprendia pola iniciativa Spin Way na que estiveron implicados estudantes de diferentes países.
Por último, existe unha cuarta categoría para premiar actividades de carácter académico, investigador ou educativo. Neste caso, obtiveron os galardóns a Cátedra do Camiño de Santiago da Universidade de Torun (Polonia) e o Colexio A Merced de Sarria (Lugo).
Sensibilidade e coñecemento
Con estes premios, o Goberno autonómico avanza na mellora do Camiño de Santiago, especialmente nos seus itinerarios, contornas ambientais, paisaxísticas e arquitectónicas, e a súa protección xeral e posta en valor. Búscase, ademais, incrementar a sensibilidade da cidadanía ao redor dos valores xacobeos, estimular o coñecemento do seu patrimonio e fomentar a colaboración da sociedade en coordinación coas administracións públicas.
Estas distincións enmárcanse nun contexto de crecemento e internacionalización desta ruta, que cumpre este outono 30 anos desde a súa declaración como primeiro Itinerario Cultural Europeo. Precisamente esta semana superáronse os 250.000 peregrinos, o que supón un 7,7% máis que o ano pasado, cando o Camiño de Santiago acadou o seu máximo histórico. As estatísticas, a piques de rematar o noveno mes do ano, constatan a internacionalización da ruta, pois o 54% dos peregrinos son estranxeiros, cifra que medra respecto ao 2016.
Preto de 50 países de Europa
O 83,6% dos peregrinos proceden de preto de 50 países de Europa, entre os que destacan algúns como Italia (con máis de 24.000), Alemaña (que roza os 19.000) e Portugal (por riba dos 11.000). Séguenlles Francia, Irlanda, Reino Unido e Polonia entre os 10 principais. De América procede o 11,5%, cunha posición moi salientable de Estados Unidos, con máis de 13.000 peregrinos. Brasil, Canadá, México e Arxentina atópanse entre os 20 primeiros.
Desde Asia chega case o 3% dos peregrinos, entre quen sobresae Corea, no posto 11 con máis de 3.600 camiñantes que recolleron desde xaneiro ata hoxe a súa Compostela no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino da capital galega. Oceanía representa un 1,6% do total, con Australia no posto número 12 e máis de 3.000 peregrinos. Pecha esta lista África, con máis de 1.100 peregrinos que constitúen o 0,4% do total. Sudáfrica, que se atopa entre as 30 nacionalidades máis presentes, achega a maior parte destes peregrinos.
En total, o Camiño de Santiago recibiu a peregrinos de 175 países distintos, fronte aos 141 chegados hai un ano, o que supón un valioso patrimonio que favorece o intercambio cultural e que a Xunta de Galicia coida a través do Plan director do Camiño de Santiago, a folla de ruta que desde hai dous anos traballa en numerosos eidos coa vista posta no Xacobeo 2021 cun investimento de máis de 56 millóns de euros dos que xa foi executada gran parte.
Tamén se observa unha diversificación de fluxos, pois o Camiño Francés concentra o 59% dos peregrinos, mentres que o Camiño Portugués recibe o 20%. O 21% restante repártese entre o resto de itinerarios do seguinte modo: Camiño do Norte, Camiño Primitivo, Camiño Inglés, Vía da Prata, Camiño Portugués pola Costa, Camiño de Fisterra-Muxía e Inverno.