26 set 2017

Xornalistas italianos coñecen parte da oferta enoturística galega nunha viaxe organizada por Turismo de Galicia

Entre os participantes, figura a gañadora do último Premio Planeta, Dolores Redondo, que ambientou na Ribeira Sacra a súa novela ‘Todo esto te daré’
 
Nos primeiros oito meses do ano, os viaxeiros italianos medraron un 5,5% en relación ao mesmo período de 2016

 

Un grupo de xornalistas italianos visitou á Comunidade galega para coñecer parte da súa oferta de enoturismo e a relacionada co patrimonio, dentro dunha viaxe organizada por Turismo de Galicia en colaboración coa Oficina de Turismo de España en Milán. Na primeira xornada, estiveron acompañados por Marta Barreiro, secretaria territorial da Delegación da Xunta en Lugo.

Nesta xira, na que tamén participou a escritora Dolores Redondo, gañadora do último Premio Planeta coa novela Todo esto te daré, ambientada na Ribeira Sacra, os visitantes teiveron a oportunidade de coñecer unha adega e o labor da vendima que se desenvolve nestas datas nesta denominación de orixe protexida.

Ademais, visitaron varios lugares dos canóns do Sil e as contornas do río Miño, ademais de coñecer parte da oferta de turismo rural.

Por outra parte, os xornalistas italianos puideron coñecer un pazo galego e visitar os seus xardíns.

Nesta viaxe a Galicia, ademais de Dolores Redondo, participan Elisabetta María Teresa Rosaspina, do xornal Corriere della Sera, Maurina Capuano, da axencia de noticias ANSA, e Liana Messina, de revista F.

Demanda turística

No mes de agosto, Italia situouse como o segundo mercado internacional en orde de importancia por detrás de Portugal, e cun peso global do 18% sobre o total internacional.

No que vai de ano, o mercado italiano mostrou, ata o mes de agosto, un comportamento global positivo superando nun 5,5% os niveis de demanda do mesmo período de 2016.

Nos oito primeiros meses do ano, con 106.000 viaxeiros aloxados e algo máis de 160.000 noites, o mercado italiano está en segundo lugar por detrás só de Portugal e representa o 11,2% do total internacional.

 

Arriba