10 out 2017

As denominacións de orixe vitivinícolas da comunidade promóvense en París coa campaña ‘5 galegas’ de Turismo de Galicia

 Esta acción promocional que presenta Galicia como destino enoturístico para gozar todo o ano e que se desenvolve en Madrid desde o pasado 12 de setembro, xa convocou a 18.000 persoas interesadas nos viños galegos

 
A chef Lucía Freitas, a enóloga Cristina Mantilla e as artesás Montse Liñares, Idoia Cuesta, Paula Ojea, Ilda Amoedo, María Pereira de Dosel, Noroeste Xoias, Elena Ferro e as redeiras da Illa da Estrela de Corme participan nesta creativa iniciativa
 
Os viaxeiros franceses realizaron preto de 100.000 pernoitas nos establecementos hoteleiros galegos durante os oito primeiros meses de 2017

A viñoteca Lavinia de París, acollerá entre os días 12 de outubro e 15 de novembro a campaña de promoción das denominacións de orixe protexidas dos viños de Galicia ‘5 galegas’, impulsada por Turismo de Galicia, para promover o turismo enolóxico galego en Francia.

Esta promoción, que tamén se celebra en Madrid nunha tenda de viños da mesma marca ata mañá luns, 9 de outubro, conseguiu un grande éxito de público, ao rexistrar más de 18.000 visitantes interesados polos viños e o turismo galegos.

A campaña 5 galegas aposta por unha mensaxe en feminino acompañada dunha posta en escena nesta liña. De feito, a chef Lucía Freitas encárgase do menú-degustación, maridado con viños elaborados por mulleres. Non son as únicas galegas implicadas neste proxecto, xa que tamén participan varias creadoras de Artesanía de Galicia. En concreto, Montse Liñares, Idoia Cuesta, Paula Ojea, Ilda Amoedo, María Pereira de Dosel, Noroeste Xoias, Elena Ferro e as redeiras da Illa de Estrela de Corme levan a Lavinia algunhas das súas creacións.

Menú e tapeo con produtos galegos

Nas próximas semanas, a viñoteca Lavinia de París, como xa aconteceu en Madrid, estará decorada con grafismos das cinco denominacións de orixe vitivinícola e os seus viños ocuparán espazos expositivos de carácter preferente.

Neste tempo, organizaranse accións como show-rooms para adegueiros e, na zona de restauración, ofrecerase un menú e un tapeo galego diario. Turismo de Galicia contará, así mesmo, cun punto de información turística para atender aos visitantes.

Polo que respecta á demanda turística, Francia sitúase en quinto lugar na listaxe internacional internacional co 7,0% de cota de mercado, rexistrando preto de 63.000 viaxeiros aloxados e máis de 100.000 noites nos establecementos hoteleiros galegos nos oito primeiros meses de 2017.

 

 

Arriba