18 out 2017

Nava Castro salienta que a actividade turística axuda a recuperar e manter nun estado óptimo o patrimonio etnográfico de Galicia

 Un novo libro-guía, froito das investigacións de Luis e Alejandro Paadín, rescata os lagares rupestres galegos e facilita percorrelos empregando as novas tecnoloxías

A directora sinalou que a publicación contribúe “á divulgación do noso patrimonio para que podamos aprecialo e así podamos compartilo con quen nos visita”
 
Lembrou que na Estratexia de turismo 2020, impulsada pola Xunta e o sector, o enoturismo, a natureza e o turismo rural e cultural teñen un papel destacado
 

 A directora de Turismo, Nava Castro, salientou  que a actividade turística contribúe a recuperar, rehabilitar e manter nun estado óptimo o patrimonio etnográfico de Galicia. Así o declarou no concello ourensán de Monterrei durante a presentación do libro As pedras que facían viño. Viaxe polos milenarios lagares rupestres de Galicia, unha exhaustiva guía que recupera estes relevantes vestixios pétreos relacionados coa produción vitivinícola e que falan dunha longa tradición histórica.

Nava Castro, que estivo acompañada do xefe territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, felicitou aos autores da publicación, Luis e Alejandro Paadín, cuxas investigacións, afirmou, supoñen unha valiosa achega. “Traballos como este, en tres idiomas, son fundamentais xa que axudan a divulgar o noso patrimonio cultural, material e inmaterial, para que podamos aprecialo”, declarou. Ese é o camiño, engadiu, para que os galegos o coñezan e o valoren e despois poidan compartilo con cantos visitan a nosa Comunidade durante todo o ano.

Por iso, a directora de Turismo celebrou que esta guía rescate do esquecemento os lagares rupestres e permitan percorrelos empregando o teléfono móbil a través de códigos Q. Neste sentido, subliñou que o libro comparte o espírito da Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta que a Xunta de Galicia e o sector deseñaron para consolidar un modelo turístico responsable e de calidade. Nava Castro lembrou que na Estratexia, de 240 millóns de euros, ocupan un papel moi destacado o enoturismo, a natureza, o turismo rural e o cultural.

Monterrei, tamén en París

Así mesmo, Nava Castro sinalou que esta mesma semana a campaña de promoción 5 galegas chegou a París, onde permanecerá un mes, despois do seu éxito en Madrid. Nese tempo, o Goberno autonómico, da man das cinco DO vitivinícolas galegas, promove a imaxe da nosa Comunidade como un destino orixinal e con valores diferenciadores. A través dunha creativa aposta, o viño galego convértese, dixo, “nun embaixador de excepción no mundo”.

A directora transmitiu os seus parabéns aos produtores e ás adegas ao constatar que a súa relevancia non deixa de medrar e por apostar polo aproveitamento turístico deste recurso.

 
Arriba