30 out 2017

O Consello Xacobeo inicia os trámites para que o Xacobeo 2021 sexa declarado acontecemento de excepcional interese público

 A Comisión Executiva do Consello Xacobeo reuniuse na capital galega para avanzar en acordos e iniciativas coordinadas entre o Goberno central e as diversas comunidades autonómas polas que discorren os Camiños de Santiago históricos

Impulsarase un proxecto formativo para alumnos da ESO co obxectivo de fomentar o coñecemento do patrimonio cultural vinculado á peregrinación e promoverase unha exposición itinerante con fotografías xeolocalizadas nos diversos itinerarios

 A Comisión Executiva do Consello Xacobeo reuniuse en Santiago de Compostela para avanzar en diversos acordos e iniciativas entre a Administración Xeral do Estado e as comunidades autonómas. A xuntanza estivo presidida por Óscar Sáenz de Santamaría, director xeral de Industrias Culturais e do Libro do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Entre as principais decisións adoptadas estivo elevar ao Pleno a proposta de declaración do Xacobeo 2021 como acontecemento de excepcional interese público aos efectos da aplicación de diversos beneficios fiscais. Así mesmo, crearase un grupo para coordinar a celebración do próximo Ano Santo.

Na reunión participaron representantes de catro ministerios (Ministerio de Fomento; de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital; da Presidencia e para as Administracións Territoriais, e o propio Ministerio de Educación, Cultura e Deporte). Tamén membros de varias comunidades autonómas: Galicia, Asturias, A Rioxa, Aragón e Castela e León. A Xunta de Galicia estivo representada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; pola directora xeral de Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez, e polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez.

A Comisión Executiva do Consello Xacobeo acordou tamén o lanzamento de dous novos proxectos ao redor do patrimonio do Camiño de Santiago, que fomentan a súa divulgación e a participación da sociedade. Unha das campañas é O teu Camiño de Santiago, patrimonio de todos, plan formativo e de creación artística dirixido a alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Con esta proposta, na que poderán participar adolescentes de entre 12 e 16 años, tratarase de motivar neles unha reflexión sobre a importancia da conservación do patrimonio. Pode consultarse máis información na web tucaminodesantiagoconcurso.es.

Mapa dixital e sinalización

En paralelo, e con motivo do Ano Europeo do Patrimonio Cultural 2018, promoverase o plan Obxectivo: Camiño. Trátase dunha exposición itinerante a partir de imaxes xeolocalizadas da ruta xacobea compartidas, coas súas coordenadas GPS, a través da web objetivocamino.es. Invitarase a participar neste proxecto a centros que impartan estudos profesionais no eido da fotografía, co fin de incentivar o patrimonio cultural como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea e apoiar á vez a profesionalización dos mozos fotógrafos.

Na xuntanza da Comisión Executiva do Consello Xacobeo, celebrada na sede do Consello Económico e Social de Galicia (CES), avanzouse tamén na preparación de contidos sobre os principais bens culturais do Camiño de Santiago a súa publicación no novo mapa dixital interactivo da ruta, elaborado en colaboración co Instituto Xeográfico Nacional. Do mesmo xeito, adoptáronse acordos sobre recomendacións de sinalización para os peregrinos.

 

Arriba