30 out 2017

Galicia acolleu un congreso europeo para promover a Comunidade galega como destino de turismo náutico

 Programaáronse diferentes conferencias e workshops así como un percorrido turístico con máis de 20 clubs e asociacións náuticas de 10 países

Nava Castro salientou o liderado galego neste eido onde de cada 10 instalacións náutico deportivas con Q de Calidade turística españolas, seis están en Galicia

 

 Representantes de máis de 20 clubs e asociacións náuticas de preto de 10 países de Europa reuníronse en Baiona no congreso europeo de turismo náutico Galicia, Atlantic Destination que promoveu a nosa Comunidade como destino.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, presentaron  esta iniciativa que está organizada por Turismo de Galicia, Portos de Galicia e o Monte Real Club de Yates en colaboración co Concello de Baiona. O congreso incluíu conferencias, charlas, mesas redondas e workshops, así como un recorrido turístico por distintos puntos de interese náutico.

Como explicou Nava Castro, esta foi unha gran oportunidade para posicionar a nosa Comunidade como referente europeo neste eido. Recordou a aposta por acadar a excelencia por parte dos profesionais do sector en Galicia, como así o atestigua o feito de que de cada 10 instalacións náutico deportivas con Q de Calidade en España, seis estean na nosa Comunidade. A calidade das infraestruturas unida a que en Galicia contemos con 72 municipios costeiros, máis de 1.600 quilómetros de costa e 16 rías navegables todos os días do ano que albergan preto de 900 praias, permiten, como explicou Nava Castro, un gran desenvolvemento deste tipo de turismo na nosa terra.

Potencial do mercado europeo

Por iso, como explicou, é clara a aposta da Administración autonómica por impulsar Galicia como destino náutico, como así se reflicte na Estratexia do turismo de Galicia 2020, a folla de ruta do turismo galego deseñada para fortalecer a calidade para que os viaxeiros poidan gozar do destino sen présas. "Da man da estratexia estamos a traballar para aproveitar os recursos naturais, infraestruturas e o clima de Galicia, creando produto, acudindo aos mercados axeitados, especialmente o europeo, para atraer turistas interesados neste tipo de experiencias ou impulsando a cultura náutica entre as novas xeracións", salientou.

Galicia, Atlantic Destination celebróuse en Baiona, cunha mesa redonda na que se presentou o traballo de Galicia neste eido, así como con charlas sobre proxectos e experiencias turísticas ao redor da náutica. Pola tarde foi a quenda dos workshops e sesións de traballo en grupo e a fin de semana pasada a actividade desprazouse ata as rías galegas, onde se programou o percorrido turístico.

 

 

Arriba