A Xunta de Galicia potencia o emprendemento da mocidade e o contacto coa natureza a través do programa Xuventur
Dezaoito mozos e mozas combinaron a pasada fin de semana prácticas de cooperación e dinámicas de emprendemento con actividades ao ar libre no entorno deste parque natural emprazado na provincia da Coruña
As directoras xerais de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron nunha andaina polas Fragas do Eume con 18 mozos e mozas participantes do programa XuvenTur, que busca a súa aprendizaxe en competencias para emprender así como en coñecementos sobre a riqueza patrimonial de Galicia a través de actividades desenvolvidas en establecementos rurais durante as fin de semana.
A actividade enmárcase no acordo de colaboración entre Xuventude e Turismo para que a mocidade de 18 a 30 anos de idade poda sumar ao seu currículo vital e académico experiencias de cooperación, emprendemento e motivación á vez que coñece a xeografía e o patrimonio natural, cultural e etnográfico de Galicia.
A saída da andaina foi desde as inmediacións do mosteiro de Caaveiro, en A Capela, e durante o percorrido Cecilia Vázquez e Nava Castro animaron aos participantes a seguir apostando por este tipo de programas de educación non formal, que a Xunta impulsa tanto en Galicia como a través de experiencias europeas como o Erasmus + ou Galeuropa co obxectivo de que a mocidade creza en capacidades e habilidades.
Os mozos e mozas estiveron aloxados no Hotel Fraga do Eume e desenvolveron prácticas de cooperación, dinámicas de PNL (Programación Neurolingüística) e motivacións e emprendemento a través do modelo Lean Startup, así como actividades de sendeirismo en equipo e xogos.
XuvenTur é un programa de educación non formal gratuíto que se desenvolve a través de estancias de fin de semana, ademais de nas Fragas do Eume, en Carnota, Ancares-Courel, Seoane do Courel, Manzaneda e Xurés, e no que participarán cando finalice máis de 400 xóvenes.