18 nov 2017

Turismo de Galicia leva a China a oferta turística galega dentro da feira CITM

 Logo de distintas accións de promoción realizadas neste país ao longo dos últimos anos, este departamento da Xunta participa por primeira vez nun certame turístico

 
Neste último trimestre, Turismo de Galicia realiza ademais unha acción de difusión dos valores turísticos galegos na internet a través do operador turístico Ctrip
Turismo de Galicia participou por primeira vez nunha feira en China

A oferta turística galega difundiuse por primeira vez nunha feira turística chinesa logo de que Turismo de Galicia organizase distintas accións de promoción para operadores turísticos e público final ao longo dos últimos anos.

Así, a cidade de Kunming acolleu o certame turístico China International Travel Mart (CITM), destinada exclusivamente a profesionais do sector.

Neste certame, Turismo de Galicia presentou a Comunidade galega como un destino completo, salientando a oferta cultural e de natureza, así como o turismo de costa e o de compras.

Ademais, o departamento de Turismo da Xunta fixo especial fincapé na difusión do Camiño de Santiago e Galicia como meta desta ruta de peregrinación como un dos elementos senlleiros da Comunidade galega.

A CITM é un dos certames turísticos máis importantes de China que ten como sedes as Cidades de Shangai e Kunming nas que se celebra esta feira en anos alternos.

Este mercado turístico anual ocupou máis de 57.000 metros cadrados e acolleu a expositores de 106 países.

Promoción na internet

Por outra banda, Turismo de Galicia está a realizar este último trimestre do ano unha acción de promoción da oferta turística galega a través do xigante chino da organización de viaxes por internet Ctrip.

Dese xeito, o turismo galego reforza a súa presenza neste operador e potencia a súa visibilidade entre os destinos máis importantes de Europa.

Ctrip é unha compañía radicada en Shangai que cotiza no Nasdaq e conta con millóns de clientes entre a poboación chinesa.

 

Arriba