23 nov 2017

Galicia avanza na desestacionalización da súa demanda turística cun crecemento superior ao 6% no mes de outubro

 Os establecementos hoteleiros da nosa Comunidade aloxaron preto de 431.000 visitantes que realizaron case 817.000 pernoitas, dous novos máximos históricos

 
O sector hoteleiro galego foi o segundo cun maior dinamismo do conxunto estatal, cunha evolución positiva por riba de media nos diferentes parámetros estatísticos
 
As cifras difundidas polo INE constatan o bo ano do turismo en Galicia, con subas do 3% no número de viaxeiros e do 6% no de pernoitas, ata rozar xa os 8 millóns
Datos turísticos, outubro 2017

 O proceso de desestacionalización da demanda turística avanza en Galicia, que acadou en outubro un incremento superior ao 6% no número de viaxeiros nos seus establecementos hoteleiros. En concreto, aloxáronse neles preto de 431.000 turistas, que realizaron case 817.000 noites, máximos históricos.

Con este aumento, a Comunidade foi a segunda cun maior dinamismo no décimo mes do ano, no que presenta unha evolución positiva por riba da media do conxunto do Estado.
 
O comportamento á alza deuse tanto nos visitantes españois como nos internacionais. Estes subiron un 13% na cifra de viaxeiros aloxados e un 10% na de pernoitas. Encadea así seis anos consecutivos de aumento e logra os seus datos máis elevados. Tamén o nacional vive unha suba notable, do 4,4% no número de viaxeiros e do 7,7% no de pernoitas, o que supón a cifra máis elevada deste mercado desde a celebración do último Xacobeo 2010.
 
Do mesmo xeito, cómpre salientar a mellora dos niveis de ocupación dos establecementos hoteleiros, que subiu dous puntos porcentuais en outubro e obtén outro máximo histórico.
 
Récord do peso internacional
 
Os últimos datos difundidos  polo Instituto Nacional de Estatística (INE) permiten tamén facer un balance dos dez primeiros meses do ano, nos que o sector hoteleiro galego volve marcar récord con máis de 4 millóns de aloxados, case un 3% máis que no mesmo período de 2016, e preto de 8 millóns de noites, un 6,2% máis que de xaneiro a outubro do pasado ano.
 
De novo obsérvase unha mellora xeneralizada en todos os mercados emisores. A demanda do turismo internacional avanza un 9,2%, cun récord de case 2 millóns. Os estranxeiros gañan peso ata supoñer o 25%, outro máximo histórico. O nacional crece un 6,6% ata os 4,1 millóns, mellor dato desde 2010. E, finalmente, o turismo interno –entre os residentes en Galicia– elévase un 2,2%, a cifra máis alta dos últimos sete anos, con 1,8 millóns de noites.
 
A estadía media tamén crece nos dez primeiros meses do ano, pois se incrementa un 3,2% fronte á caída do 0,7% rexistrada no conxunto do Estado. Tamén a ocupación vive neste ano unha melloría, cunha suba de 2,7 puntos porcentuais ata acadar os seus mellores valores.
 
Primeiros froitos da Estratexia 2020
 
Todos estes rexistros constatan que a Estratexia do turismo de Galicia 2020, impulsada este ano pola Xunta de Galicia en diálogo co sector, está a dar os seus froitos. A estratexia, cun investimento de 240 millóns de euros, ten como piares a calidade e a sustentabilidade e fixa accións encamiñadas a afondar na desestacionalización dos fluxos turísticos, repartidos ao longo de todo o ano, e a especialización e diversificación da oferta e dos recursos galegos.
 
A estes datos coñecidos sumaranse a vindeira semana os datos da Enquisa de Ocupación Extrahoteleira do INE, que inclúe o resto de modalidades de aloxamento regrado.
Arriba