Máis dun cento de operadores turísticos mexicanos interésanse pola oferta turística galega
Turismo de Galicia participou nas xornadas de promoción directa que se desenvolven nas cidades de México, Guadalajara e Monterrei
As cidades mexicanas de México, Guadalajara e Monterrei acolleron as xornadas de promoción directa do destino Galicia, nas que o departamento de Turismo da Xunta presentou a oferta turística da Comunidade galega centrada no Camiño de Santiago e nos produtos relacionados coa natureza, a cultura e a gastronomía ante máis dun cento de operadores especializados.
Nestas xornadas organizadas por Turespaña, o departamento de Turismo da Xunta mantivo xuntanzas de traballo cos principais operadores turísticos de México, considerado na actualidade como un dos mercados emisores máis importantes de América.
Deste xeito, Turismo de Galicia reuniuse primeiro cos principais axentes de viaxes da contorna da Cidade de México nunha presentación que se desenvolveu no hotel San Regis da capital mexicana. O departamento de Turismo da Xunta presentou logo a oferta turística galega en Guadalajara, nunha xuntanza profesional que tivo lugar no hotel Hilton Guadalajara. Por último, os operadores turísticos de Monterrei puideron coñecer a oferta turística galega e as posibilidades que ofrece Galicia para a organización de viaxes turísticas nunha reunión que se desenvolveu no hotel Sheraton Ambassador.
Na súa estratexia de promoción neste mercado americano, Turismo de Galicia aposta pola segmentación, de xeito que a promoción se basea en produtos específicos relacionados coa cultura, a gastronomía, a natureza, ademais das compras e os congresos. Ademais, como elemento diferencial, o departamento de Turismo da Xunta inclúe o Camiño de Santiago.
Un 14,5% máis de americanos
Canto á demanda turística, o mercado americano agás EEUU presenta un comportamento positivo ao longo do ano 2017 no ámbito hoteleiro. Así, rexistra un incremento do 14,5% na cifra de viaxeiros aloxados e do 14,9% no nivel de pernoitas, en relación ao mesmo período do pasado ano. Este segmento representa o 12,4% do total internacional, incrementando o seu peso en 0,6 puntos en relación ao pasado ano.
Polo que respecta ao número de peregrinos, no que vai de ano xa son máis de 3.000 os mexicanos que recibiron a Compostela, o que supón un incremento do 25% en relación ao mesmo período do ano anterior.