Nava Castro comparte nun Congreso Internacional en Colombia as claves da estratexia de xestión de fluxos turísticos de Galicia
Afirma que a posta en marcha de experiencias baseadas na autenticidade está a permitir que os incrementos máis intensos de viaxeiros que recibe a Comunidade galega se estean a dar nos meses fóra de tempada alta
Lembra o papel destas iniciativas ao lograr atraer visitantes os 365 días do ano e por afondar no desenvolvemento de zonas menos impulsadas turisticamente
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, compartiu ante profesionais do sector turístico de todo o mundo as claves da xestión de fluxos turísticos de Galicia, na conferencia na que participou no marco do IV Congreso Internacional de Calidade Turística se está a celebrar na cidade colombiana de Cali baixo a organización do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE).
Como expuxo, o traballo do Goberno galego para prolongar a actividade turística durante todo o ano e para diversificar e especializar a oferta xa está a amosar a súa eficacia. Así o constatan os últimos datos de ocupación hoteleira do mes de outubro, que, cun incremento no número de viaxeiros do 6%, demostran que os crecementos máis intensos se están a dar xa nos meses que non forman parte da tradicional tempada alta. “Durante estes dez primeiros meses recibimos máis de catro millóns de visitantes, pero este incremento de outubro ou o do 3% de xaneiro demostran que a actividade turística galega se está a prolongar no tempo”, explicou a responsable de Turismo da Xunta.
Esta situación é froito, dixo, dun traballo ordenado, planificado e en constante diálogo co sector da man da Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento que planifica o turismo galego nos vindeiros anos e que inclúe a posta en marcha de experiencias turísticas baseadas na autenticidade como as Rutas dos Viños, a Ruta da Camelia, as propostas nos balnearios e talasos así como as iniciativas de turismo activo nos parques naturais galegos, ou as actividades náuticas nas rías, entre outras moitas.
Nava Castro referiuse á importancia do factor diversificador destas iniciativas que, como explicou, non só permiten que se prolongue a actividade durante todo o ano, senón tamén que o turismo se reparta xeograficamente pola Comunidade autónoma. “Apostamos polo desenvolvemento das zonas menos impulsadas desde o punto de vista turístico. Colaboramos economicamente cos diferentes membros da cadea de valor, concellos e xeodestinos, para crear produtos diferenciadores e para impulsar os seus recursos”, explicou.
Maior distribución de peregrinos
Do mesmo xeito fixo mención ao Camiño de Santiago como un claro exemplo da exitosa xestión dos fluxos de visitantes a Galicia. Tras o seu recoñecemento como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, hai agora 30 anos, é máis universal pero tamén está máis diversificado que nunca. Dos 3.000 peregrinos que chegaban a Santiago de Compostela en 1987, Galicia está a piques de recibir o peregrino 300.000 que se reparten entre os nove itinerarios por terra. De feito, o Camiño Francés pasou de representar hai cinco anos o 70% a ser a día de hoxe escollido por menos do 60% dos peregrinos. De maneira paralela, esta diferenza de camiñantes estase a distribuír de xeito ordenado polo resto de itinerarios xacobeos, contribuíndo así tamén a que diferentes municipios galegos estean a forxar unha maior cohesión social, territorial e tamén socioeconómica.
“E esta situación non é casual, como así o demostra que o noso Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago dedique unha das súas oito liñas de traballo a potenciar especificamente unha ruta ao ano, tempo no que intensificamos os traballos de mellora, facemos labores de mantemento, sinalizamos, rehabilitamos, realizamos accións culturais e divulgativas e construímos novos albergues”, explicou. De feito, xa se ten actuado no Camiño do Norte e Primitivo, este ano se está a facer no Camiño Inglés e no de Fisterra-Muxía e o ano próximo será a quenda do Camiño Portugués e o Camiño Portugués da Costa.
Todas estas iniciativas están a contribuír, dixo, a forxar un destino cada vez máis competitivo e de calidade. Unha calidade que, insistiu, “é unha ferramenta básica na nosa política turística”. De feito, recordou que Galicia é a única comunidade autónoma de España que desde 2003 a 2016 medrou en certificacións Q de Calidade Turística. Con máis de 280 lidera en modalidades como nas instalacións náutico-deportivas, no turismo industrial, en establecementos de turismo rural, en turismo activo e balnearios.
Prof
esionais de todo o mundoNava Castro estivo acompañada na mesa de debate polo director da Dirección Desconcentrada de Cultura Cusco, en Perú, Víctor Vidal, quen analizou os retos da xestión de visitantes en destinos Patrimonio Mundial como o Machu Pichu; o embaixador de Colombia en Austria e ex Ministro de Desenvolvemento Económico de Colombia, Jaime Alberto Cabal, que afondou na influencia da xestión de fluxos turísticos no sector empresarial, así como o director de Turismo de Valencia, Toni Bernabé, que aportou a visión desde unha administración local.
Durante o IV Congreso de Calidade Turística tamén se trataron asuntos como a influencia do turismo no desenvolvemento económico e social, a contribución do turismo gastronómico á marca país, as políticas de desestacionalización a través do turismo de congresos e eventos, así como a influencia da economía colaborativa na industria turística. Contouse coa presenza de profesionais como a viceministra de Industria, Comercio e Turismo de Colombia, Sandra Howard; a directora de Calidade e Desenvolvemento Sustentable deste mesmo ministerio colombiano, María Amalia Vásquez; o ministro de turismo en Arxentina, Gustavo Santos; o director da Art Cullinary School of Mexico, Javier González; o conselleiro de Turismo do Goberno Vasco, Alfredo Retortillo; o presidente da Confederación Española de Hoteis e Apartamentos Turísticos (CEHAT), Juan Molas, ou o director de Certificación AENOR Internacional, Manuel Romero, entre outros.