Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, e Ignacio López-Chaves, delegado territorial da Xunta en Vigo, participaron na gala con motivo do 40 aniversario da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra (Feprohos), na que tamén se entregaron os Premios Provinciais de Hostalería ao sector.
A directora de Turismo felicitou á federación pola súa contribución ao desenvolvemento e progreso da provincia pontevedresa e de toda Galicia, un proxecto no que, lembrou, contan co apoio non só do departamento de Turismo autonómico, senón de todo o Goberno galego “para seguir facendo de Pontevedra un destino cada día mellor e de maior calidade”.
Neste sentido, Nava Castro aproveitou para trasladar os seus parabéns ao sector polos “espectaculares” datos de ocupación de outubro, cando a provincia de Pontevedra foi a que máis medrou de toda España. En concreto, a cifra de viaxeiros aloxados nos hoteis elevouse un 19,43% ata os 133.000, que fixeron un 14,45% máis de noites, ata superar as 300.000.
Froitos da Estratexia 2020
“A Estratexia do turismo de Galicia 2020, que deseñamos desde a Xunta en consenso co sector, está a dar froitos”, afirmou Nava Castro, quen alentou a afondar na colaboración público-privada o vindeiro ano, no que o seu departamento aumentará o seu orzamento.
A directora de Turismo tamén participou na entrega de recoñecementos aos empresarios da hostalería. En concreto, entregouno a Mercedes Bouza, do Bodegón Severo en Ponteareas.