Turismo de Galicia expón no Parlamento Europeo a crecente internacionalización do Camiño de Santiago
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou no Intergrupo ‘Desenvolvemento do Turismo, Patrimonio Cultural, Camiño de Santiago e outras Rutas Culturais
Unha vez rematado o amplo programa de actividades conmemorativas co que Turismo de Galicia celebrou ao longo deste outono o 30 aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Itinerario Cultural Europeo, esta semana foi tempo de balance. Así o fixo o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, que participou na xuntanza do Intergrupo do Parlamento Europeo Desenvolvemento do Turismo Europeo, Patrimonio Cultural, Camiños de Santiago e outras Rutas Culturais Europeas.
Rafael Sánchez presentou ante un grupo de eurodiputados a situación actual do Camiño de Santiago e, especialmente, a dimensión internacional que ten adquirido, pois só neste 2017 chegaron á capital galega peregrinos de preto de 180 nacionalidades. Ademais, o xerente do Xacobeo explicou a elaboración do mapa, presentado recentemente, Camiños de Santiago en Europa, que recolle 80.000 quilómetros de itinerarios xacobeos debidamente sinalizados en 28 países do noso continente e 23 rutas marítimas. Como lembrou, máis de 50 colectivos xacobeos espallados por toda Europa contribuíron á realización deste novidoso mapa.
Así mesmo, repasou o funcionamento e obxectivos da Federación Europea dos Camiños de Santiago, composta por nove entidades territoriais e que aspira a continuar ampliando este número: Galicia e Asturias, en representación de España, Vilapouca de Aguiar (Portugal), Le Puy-en-Velay (Francia), Namur (Bélxica), Cuyavia-Pomerania (Polonia), Asís (Italia), Rotenburg (Alemania) e unha importante asociación de municipios xacobeos de Lituania.
Presenza en Jaca e Almería
A Comunidade galega tamén estivo presente na inauguración das Xornadas celebradas esta fin de semana polo 30 Aniversario Congreso Internacional Xacobeo en Jaca (Huesca).
Mentres, a actividade de divulgación de Turismo de Galicia do fenómeno xacobeo continúa coa exposición itinerante Acollida e hospitalidade no Camiño de Santiago. A mostra, que reúne fotografías de Manuel G. Vicente e pon o acento neste valor da peregrinación, pode verse desde onte e ata o próximo 21 de decembro no Auditorio Maestro Padilla de Almería.