15 dec 2017

As comunidades autónomas da ‘España verde’ exploran novas accións de promoción a comercialización de produtos conxuntos

 A xuntanza desta marca turística das rexións do norte peninsular, desenvolvida en Santander, serviu para recapitular as iniciativas de 2017 e planificar o próximo ano

 
Analizáronse as posibilidades de impulsar propostas entre os catro territorios en eidos como o turismo mariñeiro, de surf, a gastronomía ou o Camiño de Santiago
 
Reunión da España Verde en Santander.

 A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou  en Santander na reunión da Comisión de Seguemento da España Verde, a marca turística integrada polas comunidades autónomas de Asturias, Cantabria, País Vasco e Galicia, na que tamén esta representada Turespaña. A xuntanza permitiu acordar novas accións de promoción e comercialización de produtos conxuntos entre os catro territorios.

Con estas iniciativas, dáse continuidade ás iniciativas desenvolvidas nos últimos meses, e que foron recapituladas nesta última reunión de 2017, á que tamén asistiron representantes do Clúster de Turismo de Galicia. Entre outras, no marco da España Verde impulsáronse accións de promoción online, especialmente arredor dos Camiños do Norte, declarados en 2015 Patrimonio Mundial da Unesco. Tamén as viaxes de familiarización con tourperadores e axencias de viaxes alemás ou con bloguers británicos, que puideron coñecer o produto Pazos e adegas, percorrido de nove días que ten estes dous elementos como fío condutor

Amais, acordouse o plan operativo de 2018, con accións de promoción e a comercialización de produtos comúns. Para darse a coñecer, as catro autonomías irán unidas a varias feiras e realizarán, froito dun traballo conxunto co sector, presentacións nas catro comunidades.

En concreto, considérase estratéxico o aproveitamento de recursos comúns cun recoñecido valor como o turismo mariñeiro, o turismo de surf, o Camiño de Santiago ou a gastronomía. Neste eido, a España Verde conta cun enorme potencial e máis de 50 Estrelas Michelin.

Liderado galego no norte peninsular

A España Verde é unha eficaz ferramenta para a proxección turística no exterior das rexións do norte peninsular, entre as que Galicia lidera o crecemento este ano. En concreto, cos datos pechados dos dez primeiros meses, a demanda hoteleira medrou en Galicia un 6,2%, por riba da media desta marca, que foi do 5%. Á súa vez, o aumento da España Verde é tamén superior ao experimentado polo conxunto do Estado, cun 2,8% máis de noites.

A colaboración con outras rexións próximas forma parte da estratexia turística de Galicia, co fin de aproveitar sinerxias e promover os nosos recursos propios. De feito, esta é a segunda xuntanza nesa liña na que Nava Castro participa esta semana, tras a celebrada o martes en Coímbra co grupo de traballo de Turismo da Macrorrexión do Sudoeste Europeo (RESOE).

 

Arriba