Turismo de Galicia doa máis dun milleiro de libros do eido xacobeo a facultades de humanidades e centros de educación para adultos
A Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago, a Facultade de Historia da Universidade de Vigo e os centros da UNED en Ourense, Pontevedra e Lugo veñen de ampliar os seus fondos grazas ás coleccións do Xacobeo
Fomentar o estudo, comunicación e divulgación do fenómeno xacobeo é unha das liñas de traballo fundamentais do Plan director do Camiño de Santiago impulsado por Turismo de Galicia desde o ano 2015. Con estes fins, téñense desenvolvido numerosas accións, entre elas a recente doazón de máis dun milleiro de libros desta temática a facultades de Humanidades e centros de educación para adultos.
Trátase de títulos editados ou apoiados polo Xacobeo e Turismo de Galicia ao longo dos últimos anos que proceden dos seus fondos. Coa súa entrega, avánzase na difusión da cultura vinculada ao Camiño de Santiago e promóvense novas investigacións. Precisamente foi o xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, quen esta semana achegou un lote de 81 libros á Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Esta institución, que conta coa Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións grazas ao acordo a tres bandas con Turismo de Galicia e a Catedral de Santiago, incrementa así os materiais dispoñibles para os investigadores en temas moi diversos como a historia, a arte, a xustiza, e literatura ou a música, coa ruta xacobea como pano de fondo de todos eles.
Ademais da referida facultade, responderon afirmativamente á proposta de doazón feita por Turismo de Galicia a Facultade de Historia da Universidade de Vigo no campus de Ourense, que recibiu unha trintena de libros, e as bibliotecas dos centros asociados á Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) nas cidades de Ourense, Pontevedra e Lugo, que en conxunto suman con esta achega preto de 350 novos libros nos seus depósitos.
Outras 600 obras foron entregadas a centros de educación para adultos da Comunidade na Coruña e Pontevedra, ademais de nos centros de Teixeiro, Monterroso e A Lama.
En España e no estranxeiro
Dado que o Camiño de Santiago é un fenómeno universal, o obxectivo é proseguir con estas doazóns no próximo ano e que estas podan beneficiar tamén a centros de estudo similares do resto de España e mesmo do estranxeiro, afondando nese carácter internacional.
Esta acción a prol da divulgación da peregrinación engádese a outras iniciativas impulsadas por Turismo de Galicia como as actividades para escolares ou as de sensibilización para as poboacións locais polas que discorren os nove itinerarios xacobeos terrestres en Galicia.